Xustiza Social e Coidados
Xustiza Social oferta dende maio as actividades de envellecemento activo nos centros cívicos
As persoas maiores de 55 anos que desexen participar nos distintos cursos poden inscribirse nos propios espazos municipais. O pasado ano máis de mil veciñas e veciños da cidade acudiron a este talleres de prevención do deterioro físico e cognitivo
A Coruña, 23 de abril de 2019.- A Concellería de Xustiza Social ofertará dende o mes de maio e até o de novembro as actividades comprendidas dentro do programa de Envellecemento Activo, que está dirixido a persoas de máis de 55 anos e que ten como obxectivo a prevención do deterioro físico e cognitivo, así como a promoción dun estilo de vida saudable. As persoas que desexen participar poden inscribirse nos propios centros cívicos municipais, espazos nos que se levarán a cabo estes talleres.
O programa de Envellecemento Activo conta con actividades centradas na prevención do deterioro físico (ximnasia suave, de costas, de mantemento, pilates, en forma bailando ou paseos saludables), na promoción da actividade cognitiva (técnicas de relaxación e control da ansiedade, estimulación e reforzo da memoria, escritura creativa e benestar social), promoción da saúde e de dominio de novas tecnoloxías (manexo de smartphones, tablets, iniciación ás redes sociais e manexo de Internet). Ademais, como principal novidade este ano, o programa conta cunha nova liña de actuación específicamente dirixida para as veciñas maiores de 75 anos. “Quixemos poñer en marcha unha serie de actividades, denominadas +75, centradas neste grupo de idade que, non obstante, tamén pode participar no resto de talleres”, explica a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán.
Esta liña de programa subdívidese en Ximnasia +75, que consiste na realización de exercicios de flexibilidade e de tonificación muscular, así como control tónico, de ritmo, de orientación espacial e temporal e de respiración e relaxación; Cuídome +75, que se centra no autocoidado en xeral, a alimentación saudable, os coidados da pel, a toma de medicación, ocio e relax, e Taller +75, no que se realizarán diversas actividades que poden interesar a este sector de dade, como o discoforum, no que se comentará a música e as letras das cancións, recompilacións de recordos e de fotografías, lectura de textos…
O programa de Envellecemento Activo foi crecendo en número de usuarias nos últimos anos. A edición de 2018 contou con 1.024 persoas participantes, un 21% máis que no exercicio 2017. A concelleira Cameán salientou, ademais, “que se trata dun programa que favorece o empoderamento das persoas maiores e que ten unha marcada perspectiva de xénero, xa que a maioría das persoas usuarias son mulleres maiores”. De feito, o pasado ano, as actividades, que se desenvolveron en 19 centros cívicos, contaron coa participación de 645 veciñas da cidade.