Igualdade e diversidade
O Concello abre o prazo de inscrición para os cursos de formación e parladoiros destinados ao colectivo de persoas migrantes que se ofertarán no mes de novembro
Igualdade e Diversidade tamén impulsa dúas sesións formativas sobre o ‘Dereito á saúde e o Sistema Educativo Español’, en colaboración coa ONG Médicos do Mundo e o Centro Municipal de Información Xuvenil
Concello da Coruña | 30/10/2017
A Concellería de Igualdade e Diversidade, a través da Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI), vén de abrir o prazo de solicitude para participar nos seus cursos de formación e parladoiros do mes de novembro, para os que habilitará un total de 152 prazas. Os obradoiros, dirixidos a persoas migrantes ou emigrantes retornadas, teñen como obxectivo favorecer a inserción laboral do colectivo, así como ofrecer información sobre cotización á Seguridade Social ou do uso das diferentes ferramentas para a busca de emprego e recursos dos que poden dispoñer na Coruña. Entre as actividades gratuítas formativas que impulsa a área que dirixe Rocío Fraga ofrécese un Curso de lingua galega, de 30 horas de duración e que se celebrará na sede da UAMI, no centro cívico da Sagrada Familia, do día 6 ao 17 de novembro, e que ten como finalidade favorecer o coñecemento desta lingua entre o colectivo.
A Concellería de Igualdade e Diversidade tamén ofrecerá a posibilidade de realizar talleres dun menor número de horas, cuxa admisión executarase en función da orde de inscrición, que se pode realizar na UAMI. Entre os obradoiros programados para este mes de novembro destacan as cinco quendas de Manipulación de alimentos, carné necesario para traballar no sector alimentario e que se entregará o mesmo día do curso, de catro horas de formación. Outra das actividades deste mes será Obradoiro normativa: servizo do fogar familiar, un curso de dúas horas de formación no que se informará ás e aos asistentes sobre o sistema de cotización a Seguridade Social ou a tipoloxía de contratos de traballo. Por último, a UAMI tamén ofrecerá talleres específicos de Busca de emprego, nos que se orientará ás e aos participantes sobre os recursos na cidade para facilitar o cambio de situación laboral, así como a realización dunha carta de presentación ou o currículo profesional e o seu envío e inserción nos distintos portais de Internet. Nestes obradoiros, que serán de 4 horas de duración, as e os asistentes tamén obterán nocións de habilidades sociais e consellos para afrontar unha entrevista de traballo.
Sesións informativas
Esta formación gratuíta incidirá tamén en cuestións como a educación e a saúde a través de dúas sesións informativas que terán lugar na UAMI no mes de novembro. Así, o día 14 do vindeiro mes, e en colaboración coa entidade Médicos do Mundo, levarase a cabo un parladoiro sobre o Dereito á saúde para persoas migrantes en Galicia, co obxectivo de dar a coñecer os dereitos dos que dispón o colectivo, así como dos programas e convenios aos que se pode acoller. Tamén o día 24 de novembro, e coa colaboración do Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), levarase a cabo outra charla informativa sobre o Sistema Educativo Español,dirixida á dar a coñecer á poboación as diversas titulacións e o acceso ás mesmas, así como os procedementos necesarios para levar a cabo a homologación de estudos ou os diferentes ciclos e certificados de profesionalidade existentes.
Para participar en calquera destas dúas sesións, así como en calquera dos cursos formativos, será necesario realizar, previamente, a inscrición na propia Unidade de Asesoramento de Migracións ou a través do teléfono 981.189.867.