Co-lab | Primer roteiro: sábado 28 de Outubro
Comenzan os roteiros "Co urbanismo nos talóns"
Para coñecer as problemáticas derivadas do desenvolvemento urbanístico na Coruña
Concello da Coruña | 26/10/ 2107
A Concellería de Participación e Innovación Democrática informa que esta fin de semana desenvolverase o primeiro dos tres roteiros formulados no proxecto Co urbanismo nos talóns, unha iniciativa de innovación social enmarcada no Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab, que busca impulsar unha comunidade de aprendizaxe arredor dos territorios habitados da cidade que o urbanismo vixente propón transformar. Tal e como destaca a edil Claudia Delso, os paseos do colectivo Ergosfera "enténdense como unhas xornadas de recoñecemento dos territorios e comunidades afectadas pola presión urbanística derivada de novos desenvolvementos na Coruña, así como de introdución a certas nocións básicas de urbanismo para persoas non expertas". "En definitiva, do que se trata é de dar a coñecer todas as problemáticas que se derivaron de modelos urbanísticos que se reproduciron en épocas pasadas e que se baseaban na depredación e non no aproveitamento", comenta Delso.
Así, os roteiros do proxecto Co urbanismo nos talóns están formulados como un primeiro contacto formal coas veciñanzas afectadas, "de xeito que podan complementar o relato desde o punto de vista informativo, da realidade urbanística de cada un dos territorios atravesados, coas súas experiencias persoais respecto do territorio e dos plans de futuro que lles atinxen", afirma a responsable municipal. Os paseos servirán para avanzar no coñecemento do posicionamento das veciñanzas afectadas con respecto aos plans urbanísticos para os seus barrios.
O roteiro que terá lugar este sábado comezará ás 10.30 horas na parada de bus da Refinería na estrada AC-415 (Liña 6), e percorrerá unha distancia de 6 km entre San Xosé e O Portiño, pasando e facendo pequenas paradas nos barrios de San Xosé, A Moura, A Fontenova, A Silva de Abaixo, A Silva de Arriba, Penamoa, A Gramela, Loureiro e Catro Ventos (San Pedro de Visma), A Pedra da Barca, O Campanario e O Portiño (Monte e Peirao de San Pedro). "Ao longo do percorrido comentaranse as diferentes figuras urbanísticas que afectan a cada un dos barrios atravesados, de xeito que se introducirán as nocións técnicas básicas para entender as diferentes situacións atopadas, como a clasificación do solo, os instrumentos urbanísticos ou os sistemas de actuación", sinala Delso.
Ademais deste primeiro paseo pola zona norte do municipio, nesta fase inicial do proxecto realizaranse dous máis neste mes. Así, o segundo desenvolverase o sábado 4 de novembro na zona centro do municipio, entre O Martinete e A Agra dos Mallos, mentres que o terceiro terá lugar o sábado 11 de novembro na zona sur, entre A Pasaxe e Eirís de Arriba.
Para máis información sobre Co urbanismo nos talóns, así como sobre o Laboratorio Cidadán da Coruña, pódese visitar a páxina web municipal colab.coruna.gal.