Concello da Coruña
O Concello adicaralle unha rúa ao sindicalista Suso Mosquera, secretario xeral de UGT entre 1.980 e 2.005
A alcaldesa Inés Rey acode á presentación dunha mostra no centro Ágora coa que o sindicato celebra 130 anos de loitas obreiras
A alcaldesa Inés Rey anunciou na inauguración da exposición sobre os 130 anos da UGT no centro Ágora que o Concello lle adicará unha rúa ao sindicalista Suso Mosquera (1943-2018), que exerceu de secretario xeral da organización entre 1980 e 2005, axudando a súa modernización ata convertila na primeira forza galega. Mosquera foi tamén deputado do PSOE no Parlamento Galego, cargo que deixou en 1988 por mor dunha folga xeral en contra da reforma laboral presentada polos socialistas.
A rexidora destacou o carácter gráfico da mostra, que concentra os principais logros da UGT ao longo da súa historia, desde as protestas baixo a ditadura de Primo de Rivera á chegada da II República e durante a Guerra Civil para pasar a unha época de clandestinidade e exilio que deu paso á legalización coa democracia. En todo este tempo, Rey subliñou a importancia de loitar desde a vía lexislativa polos dereitos dos traballadores, unha teima que segue vixente. A exposición dá boa conta do tempo presente cun espazo no que se fala dos novos retos e as alternativas para saír da crise de cara a construír un futuro mellor para todos: "A exposición ofrece unha visión global do pasado para camiñar sobre seguro no momento actual e aspirar a un futuro basado nun modelo de solidariedade e igualdade, atendendo á pluralidade e á democracia política, social e económica".
En 14 paneis históricos e seis temáticos, os coruñeses poderán repasar a historia máis recente do estado a través dos principais acontecementos de pelexas obreiras e das reivindicacións promovidas por UGT para conseguir un mundo máis xusto.