Marea Atlántica | Nota de prensa
A Rede da Marea Atlántica ratifica o acordo co PSOE para o inicio do mandato
A Rede da Marea Atlántica ratificou hoxe o acordo político e organizativo co PSOE da Coruña para o inicio do mandato. A asemblea aprobou os documentos elaborados polos equipos negociadores ao longo das últimas semanas, que sentan as bases para unha relación de confianza desde a que desenvolver políticas de progreso que beneficien á cidadanía.
Trátase de medidas concretas, con prazos detallados e comprobables, que lle dan continuidade a algunhas das liñas mestras desenvolvidas polo goberno de Xulio Ferreiro nos últimos catro anos: gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, impulso á constitución da Área Metropolitana, bonificacións a maiores de 65 e menores de 25 no transporte público, creación dun operador enerxético municipal, aprobación definitiva da Ordenanza de Igualdade, posta en marcha dun programa de alugueiro social, solución á veciñanza de Elviña afectada polo Ofimátic, ou continuidade dos proxectos xa comprometidos en obra pública (derrubo do viaduto da rolda de Nelle, polideportivo do Castrillón, mercados...), entre outras cuestións.
A organización municipalista tamén se agradeceu o traballo das persoas que formaron parte da comisión negociadora, e que conseguiron que os acordos reflictan os principios básicos fixados pola Rede, no posicionamento político aprobado o 6 de xuño. É un exemplo de como os votos da Marea Atlántica en María Pita poden ser decisivos para defender políticas transformadoras.