Actuacións de accesibilidade e seguridade
O Concello asina o contrato para as obras de urbanización do Ofimático
Xiao Varela di que os traballos inclúen actuacións de accesibilidade, seguridade e servizos, comezarán de forma inminente e son necesarios para outorgar licenzas de primeira ocupación.
O Concello vén de formalizar o contrato coa empresa que desenvolverá as obras de urbanización da separata do proxecto modificado número 1 do sector 10 Parque Ofimático, imprescindibles para o inicio de concesións de licenza de primeira ocupación no barrio. Como sinala o responsable municipal de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, os traballos diríxense a dotar o Ofimático de acceso rodado, así como do resto de servizos necesarios para facer posible o outorgamento das primeiras licenzas de primeira ocupación e que as veciñas e veciños poidan ir entrando a vivir nas súas casas con todas as garantías, tales como a pavimentación de accesos, dotación de iluminación, abastecemento, rede eléctrica e saneamento, ademais de actuacións para garantir a seguridade de bens e persoas neste ámbito, como é a colocación dun valado, protección de desniveis, tapado de ocos e instalacións de tapas. O contrato foi asinado o pasado venres, sen que se producise recurso algún á súa adxudicación, e mañá mesmo, o concelleiro ten prevista unha xuntanza con representantes da UTE para comezar a planificar as actuacións, que, como indica, comezarán "de forma inminente".As obras, que desenvolverá a UTE Arias Infraestructuras SA-Comsa Instalaciones y Sistemas Industriales SLU, están orzamentadas en 2,548 millóns de euros e teñen un prazo de execución de seis meses, "se ben tentaremos axustar eses prazos todo o posible para que o Ofimático poida comezar a estar habitado canto antes", fai notar Varela.