Emprego
O Concello asina subvencións por máis de 100.000 euros para fomento do emprego
“Estas axudas son unha pata máis do traballo que desenvolvemos a prol da inserción sociolaboral, un dos obxectivos do noso Plan Municipal de Emprego, que fomenta a igualdade e, por tanto, o progreso da cidade”, salienta o concelleiro de Emprego
A Coruña, 27 de novembro de 2018.- O Concello da Coruña, representado na figura do alcalde, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá convenios de colaboración por valor de 107.000 euros con cinco entidades da cidade destinadas ao desenvolvemento de programas e obradoiros para fomentar a empregabilidade de colectivos con especiais dificultades, como o caso dos e das migrantes e persoas con algún tipo de diversidade, mozos e mozas e veciñanza en risco de exclusión. Entre as subvencións acordadas tamén salienta unha para a promoción de actuacións e proxectos vinculados á economía social. O concelleiro de Emprego, Alberto Lema, salientou que estas axudas “forman parte do compromiso do goberno local coa consecución dunha sociedade máis igualitaria, algo que pasa, necesariamente, pola posta en marcha de medidas que fomenten o emprego dos colectivos con maiores dificultades”. “Todos estes convenios van na liña de fomento da contratación plasmada no Plan Municipal de Emprego”, recordou o edil, que, ao fío, recordou outras actuacións impulsadas pola administración local neste eido, como é o caso do programa Coruña Emprega.
Así, o Concello asinou un convenio de colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) por valor de 35.000 euros destinado a subvencionar o desenvolvemento dun plan integral de intermediación laboral para favorecer a inserción de persoas con diversidade, ademais doutro por valor de 30.000 euros coa Confederación de Empresarios da Coruña para un plan integral de emprego con actividades especialmente dirixidas para mozos e mozas. O citado plan persegue o obxectivo de facilitar o acceso ao mercado laboral deste colectivo de especial dificultades de inserción, aumentar a formación e habilidades para a inserción laboral e levar a cabo procesos de intermediación laboral entre as empresas e as persoas participantes. Na mesma liña, o rexedor tamén asinou, esta mesma mañá, outro acordo de colaboración coa Fundación Juan Soñador por valor de 20.000 euros, neste caso, para o desenvolvemento de itinerarios personalizados de preparación para a inserción sociolaboral de persoas migrantes en situación de especial vulnerabilidade, e outro convenio máis, pola mesma cantidade, coa ONG Ecos do Sur, co obxectivo de subvencionar obradoiros de motivación para a procura de emprego a través de ferramentas innovadoras dirixidas aos colectivos con máis dificultades de inserción laboral.
Do mesmo xeito, o Concello tamén formalizou esta xornada un quinto convenio colaborativo coa Unión de Cooperativas Espazocoop destinado a impulsar programas para o emprendemento empresarial mediante seminarios de creación de emprego a través de proxectos de economía social, pola cantidade de 2.000 euros.