Mobile Week Coruña

A Domus acolle esta fin de semana talleres sobre a innovación do mundo do téxtil e a tecnoloxía para os e as máis pequenas

O concelleiro de Culturas destaca que o taller organizado polos Museos Científicos sobre a innovación téxtil ten xa o seu aforo completo, aínda que convida á cidadanía a participar no resto de obradoiros organizados no marco do prestixioso evento que terá lugar na cidade e a área metropolitana até o vindeiro día 28

A Domus acolle esta fin de semana talleres sobre a innovación do mundo do téxtil e a tecnoloxía para os e as máis pequenas
O alcalde interveu na inauguración da Mobile Week
O alcalde interveu na inauguración da Mobile Week

A Coruña, 23 de novembro de 2018.- O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, volveu convidar esta xornada á veciñanza da Coruña a participar, até o día 28, nas distintas actividades que se enmarcan dentro da Mobile Week Coruña, evento co que colabora o Concello e que, por primeira vez se desenvolve fóra de Barcelona. “Esperamos que a fin de semana anime á cidadanía a participar nos distintos talleres e obradoiros que terán lugar en distintos puntos da cidade e da área metropolitana e que inciden na democratización do coñecemento e na divulgación científica, obxectivos da acción do goberno local que abordamos en boa medida dende os Museos Científicos”, comentou o edil, que salientou que durante a fin de semana terán lugar distintas actividades impulsadas pola administración local dentro da Mobile, como é o caso do taller de e-téxtiles, que se desenvolverá na Domus, este sábado, entre as 10.00 e as 20.00 horas, e que explota a fronteira entre a artesanía téxtil e as novas tecnoloxías. O mesmo escenario, será o que acolla en tres horarios distintos (10.00 a 12.00, 12.30 a 14.00 e 16.30 a 19.00 horas) o taller de Cacharreo Tecnolóxico. Ambas actividades foron organizadas polo Concello, que desenvolve varios obradoiros, ademais de ceder espazos e colaborar economicamente coa celebración do evento.

Os e-téxtiles son tecidos que inclúen compoñentes electrónicas como batería, LED ou incluso pequenos ordenadores. Hoxe en día os seus campos de aplicación esténdense dende a moda até os videoxogos e no desenvolvemento destes proxectos valórase o uso de materiais condutores ou intelixentes. Este taller está organizado polos Museos Científicos Coruñeses e a Asociación Bricolabs. O horario do taller será de 10.00 a 20.00 horas, con parada ao mediodía. Destinado a persoas maiores de 16 anos, neste momento o aforo xa está completo.

Por outro lado, a sala maker da Domus acollerá, tamén durante o día de mañá, os talleres de cacharreo tecnolóxico, para menores de entre 10 e 16 anos, que levarán a cabo distintas montaxes tecnolóxicas sinxelas, a partir de materiais de baixo custo ou reciclados. No camiño aprenderán distintos conceptos científicos, así como a detectar e resolver erros. Os e as menores poden acudir acompañadas dun adulto, aínda que para iso será necesario que se escriban as dúas persoas.

Sande recordou que as persoas que así o desexen poden apuntarse ás distintas actividades que se ofertan de forma gratuíta dentro da Mobile Week Coruña a través da web www.mobileweekcoruna.com. Ademais dos dous talleres postos en marcha coa colaboración dos Museos Científicos e o colectivo Bricolabs, a oferta tanto da fin de semana como a que se prolongará até o día 28 e plural e extensa. O sábado e o domingo haberá talleres de robótica no Campus de Elviña, o Navega con Rumbo, no centro cívico da Cidade Vella, así como de ferramentas de realidade virtual no Muncyt ou distintos talleres sobre a comunicación dixital en ExpoCoruña, que tamén acollerá o taller Drones para Niños. Por outro lado, o Club Financeiro Atlántico, un dos impulsores da Mobile Week Coruña (organizada pola Mobile World Capital Barcelona) acollerá distintas exposicións como Environment Dress 2.0, Arte Matemático 3D, La máquina del amor, Colectivo Papermoon 2.0, ou Sen-tence.

A Domus acolle esta fin de semana talleres sobre a innovación do mundo do téxtil e a tecnoloxía para os e as máis pequenas