Mobilidade

O Concello espera alcanzar un consenso sobre as liñas de transporte público propostas pola Xunta

O Goberno local alega aos anteproxectos de explotación do Plan de Transporte Público da Xunta co fin de mellorar a mobilidade da cidade e do conxunto da área metropolitana
O Concello espera alcanzar un consenso sobre as liñas de transporte público propostas pola Xunta
Mobilidade
Mobilidade

O Concello presentou alegacións a varios anteproxectos do Plan de Transporte Público da Xunta confiando en chegar a un acordo co executivo autonómico que beneficie á cidade e á conexión coa área metropolitana..

Seguindo a liña de diálogo establecida coa Xunta durante as primeiras semanas de mandato, o Goberno local elaborou unha serie de propostas encamiñadas a lograren o "mellor plan posible" respondendo así á boa disposición e ánimo de colaboración mostrados polos dous executivos.

A intención do  Concello é a de conseguir un documento que responda ás necesidades da Coruña e do conxunto da área metropolitana. "Un plan de calidade, máis sustentable e que favoreza ao transporte público", insistiron desde a Concellería de Mobilidade, que dirixe Juan Villoslada.

A concellería presentou alegacións en relación cos anteproxectos de explotación  XG817,  XG843,  XG846,  XG848,  XG871 e  XG881 de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas: http://bit.ly/2zcdyAG

Alegacións:

1. Os anteproxectos remitidos modifican a codificación establecida no Plan de accesibilidade para as liñas que acceden ao centro urbano e non definen de maneira uniforme o concepto de liña

A codificación das liñas propostas de acceso á cidade nos proxectos de explotación difire substancialmente da recollida no Plan de accesibilidade, polo que resulta imposible determinar unha equivalencia ou correlación entre ambas. Os proxectos de explotación remitidos non definen de maneira uniforme o concepto "liña". Así, en ocasións o concepto de liña abrangue os roteiros de ida e volta, noutras o concepto só inclúe o roteiro de ida ou o roteiro de volta e noutras constitúe un único roteiro con ida e volta (liñas circulares).

Por todo o exposto, resulta imposible establecer unha  equivalencia entre as 43 liñas do Plan de accesibilidade que acceden ao centro urbano e as que figuran nos proxectos de explotación, aínda que queda comprobado que entran máis liñas no centro, un total de 64.

2. Falta de motivación dos criterios de selección das novas liñas de acceso ao centro urbano 

O Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro da cidade, recolle 3 corredores de acceso á cidade, a través dos cales chegan 43 liñas ao centro urbano. Con todo, non resulta probado se as novas liñas propostas cumpren os criterios de selección establecidos no plan de accesibilidade  para acceder ao centro urbano, así como tampouco queda constancia de que respecten a regulación para as liñas estipuladas neste.

3. Os diferentes proxectos de explotación identifican as mesmas paradas de maneira distinta. Así, segundo o proxecto, unha mesma parada presenta diferente codificación e localización e o mesmo nome

As paradas que figuran en cada anteproxecto identifícanse, denomínanse e xeorreferéncianse con códigos diferentes, o que dificulta o estudo do impacto conxunto destes anteproxectos sobre a cidade. Resultou imposible, por unha banda, comprobar se as paradas dispostas nos anteproxectos coinciden coas paradas actuais da rede de transporte colectivo urbano e, por outra, verificar a capacidade destas paradas para asumiren o volume de autobuses en parada que se propón.

A modo de exemplo, a parada do CHUAC, que no anteproxecto de explotación  XG843 aparece co código 9479, no anteproxecto XG846 identifícase con dous códigos: o 15030-2 e 15030-15. Con todo, a pesar das dificultades, identificáronse liñas de autobuses que realizan paradas en puntos que non están habilitados. Por exemplo, a liña  XG81709 establece  unha parada "Hotel Riazor" nun lugar onde non existe parada para o transporte colectivo de persoas viaxeiras.

4- Identificación das liñas que acceden ao centro urbano sen respectaren os corredores de acceso á cidade establecidos no Plan de accesibilidade ao transporte interurbano

O Plan de accesibilidade interurbano modifica os percorridos dos corredores de acceso á cidade e, con este fin, aprobáronse medidas que pretenden mellorar a conectividade e accesibilidade das persoas usuarias do transporte interurbano. Deste xeito, procúrase reducir os percorridos dentro da cidade para diminuír o tempo de viaxe e presenza na cidade das liñas de transporte interurbano. Nos proxectos de explotación, identificáronse diferentes liñas que non respectan os percorridos aprobados para os diferentes corredores.

5. Identificación de liñas que non acceden ao centro urbano pero presentan un trazado imposible desde o punto de vista da infraestrutura da cidade 

Logo de analizar os diferentes anteproxectos remitidos, identifícanse múltiples liñas que presenten un trazado imposible desde o punto de vista da infraestrutura da cidade: direccións prohibidas, cambios de sentido, percorridos por rúas peonís...

6. Criterios de regulación de liñas

 As paradas de Entre Xardíns e da estación de autobuses considéranse fin de liña pero a súa regulación realízase do seguinte modo:-As liñas con fin de liña na parada de Entre Xardíns non poden realizar a regulación nese punto; poderán efectuala no concello de orixe.-As liñas con fin de liña na estación de autobuses levarán a cabo a regulación propia na estación.A documentación remitida non acredita que a regulación das liñas que acceden ao centro da cidade se realice de conformidade o plan.

7. Percorridos das liñas con acceso directo ao centro urbano 

Establécense unha serie de percorridos nos corredores de acceso á cidade que non coinciden cos marcados para os corredores no Plan de accesibilidade. Por tanto, considérase conveniente adaptar estes percorridos aos corredores do Plan de accesibilidade (despois de acreditar que estas liñas cumpren os requisitos que dispón o dito plan) e que o seu percorrido finalice na estación de autobuses, sen ter percorrido por toda a cidade. 

8. Liñas con destino na estación de autobuses 

Os percorridos propostos nos anteproxectos para as liñas con destino na estación de autobuses son múltiples e sen ningún tipo de ordenación. Esta orde é sumamente importante desde o punto de vista do tráfico e requiriría unha planificación por corredor, do mesmo xeito que se establece para o transporte interurbano de acceso ao centro da cidade.

O Concello espera alcanzar un consenso sobre as liñas de transporte público propostas pola Xunta