A adxudicataria comprométese a seguir a instrución municipal
O Concello logra que a concesionaria da ORA asuma o custo das comisións que pretendía aplicar no servizo de pagamento por móbil
O goberno local realiza un requerimento á adxudicataria no que a advirte de que podería incorrer nun incumprimento grave do contrato se carga a mellora da app sobre os e as usuarias ou as arcas municipais. A firma comprométese a seguir a instrución municipal e a reintegrar os saldos que poidan ser cobrados mentres o sistema non se reaxusta.
Concello da Coruña | 22/02/2018
A concesionaria do servizo da ORA na cidade, Setex Aparki SA, comprometeuse co goberno local a non cobrar ningún tipo de recargo as usuarias e os usuarios polo uso da aplicación e-park tras o requerimento do Concello. A Concellería de Mobilidade Sostible advertiu á empresa de que se o custo da mellora do servizo repercute sobre a cidadanía ou as arcas municipais podería incorrer nun incumprimento grave do contrato que conlevaría sancións económicas por parte do executivo e mesmo unha revisión do actual contrato. A empresa asumirá, polo tanto, o 100% do custo da comisión que pretendía cobrar.
Así o explicou o concelleiro do ramo, Daniel Díaz Grandío, quen no día de onte mantivo unha xuntanza coa firma na que lle advertiu dos incumprimentos nos que estaba a incorrer. "Os pregos realizados polo PP daban vía libre a esta posibilidade, pero Setex presentou unha oferta no proceso de adxudicación pola que se comprometía de forma expresa a poñer en funcionamento o servizo e-park sen coste ningún para os e as usuarias", explicou, á vez que quixo salientar "o traballo realizado polos servizos municipais que estes días analizaron de forma concienciuda a oferta". O edil subliñou que, desta forma, A Coruña será unha das poucas cidades onde a adxudicataria da ORA traballa con esta aplicación móbil e non se produce, finalmente, un recargo sobre os e as usuarias.
Grandío explicou que "o cambio nas pretensións da empresa concesionaria conleva axustes técnicos na aplicación para evitar o cobro da comisión, pero estes non estarán listos antes do próximo luns", a data na que tiñan previsto iniciar os seus recargos. Porén, a empresa comprometeuse tamén a reintegrar en saldo aos usuarios e usuarias calquera cobro que se poda realizar neste periodo de axuste.