Relato fotográfico de Anna Turbau sobre a Galicia de finais dos anos setenta
O Kiosko Alfonso acolle ata o 1 de abril a exposición 'A intimidade da imaxe'
O alcalde, Xulio Ferreiro, acode mañá as 19.30 horas á inauguración da mostra na que tamén estará presente a fotoxornalista catalana
Concello da Coruña | 22/02/2018
A exposición A intimidade da imaxe, que recolle fotografías que a catalana Anna Turbau tirou en Galicia entre os anos 1975 e 1979, inaugúrase mañá ás 19.30 horas no Kiosco Alfonso, onde se poderá visitar até o próximo 1 de abril. O alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, estarán presentes no acto de apertura, ao que tamén acudirán a fotoxornalista Anna Turbau, a comisaria da mostra, Margarita Ledo, e a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.
A exposición reúne un centenar de fotografías de Turbau que retratan momentos destacados da historia recente de Galicia. Conflictos sociais, reivindicativos e políticos, que van dende as mobilizacións populares cando se construíu a autopista AP-9 ate os debate sobre a autonomía. A entidade que organiza a mostra, o Consello da Cultura Galega, dividea en nove bloques: O rostro que te mira, Luz no alén, A atmosfera e o signo, O vestixio e a fuxida, A ollada que manca, A imaxe que libera, A festa como síntoma, Fóra de campo e Paisaxe interior.
A fotoxornalista Anna Turbau chegou a Galicia en 1975 da man do Colexio de Arquitectos de Galicia para retratar as vivendas que César Portela proxectara para familias xitanas en Poio, pero acabou instalándose en Santiago para, como colaboradora independente, publicar imaxes dos movementos populares que emerxían en Galicia en revistas como Interviu e Primera Plana.