Medio ambiente
O concello volve instalar aseos móbiles para as e os traballadores dos servizos esenciais ante as novas restricións
A Coruña, 5 de novembro de 2020.- A Concellería de Medio Ambiente instalará mañá aseos en diferentes puntos da cidade para uso exclusivo das traballadoras e traballadores dos servizos esenciais. Tómase esta decisión despois de que o Estado decretase, de novo, o estado de alarma, e de que A Xunta impuxese unhas restricións, como o peche da hostalaría, que lles impide, entre outras, acceder aos aseos destes negocios a estas e estes traballadores.
A nova situación xurídica permítelle á Administración contratar de urxencia este servizo, do mesmo xeito que se fixo na primeira fase da pandemia, xa que no contrato de mantemento ordinario non está recollida esta instalación, así como o aumento dos aseos públicos.
A disposición dos novos aseos estará publicada mañá na web de Medio Ambiente e seralles comunicada ás empresas e mais ao persoal dos servizos municipais.
Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, esta nova situación impídelles acceder aos aseos en moitos puntos da cidade a estas/es traballadoras/es, polo que "O concello entende como prioritario dotar destes aseos o persoal das empresas concesionarias de servizos esenciais que teñen que desempeñar o seu labor".