CRISE NO GOBERNO MUNICIPAL
Inés Rey fulmina Eva Acón
A alcaldesa Inés Rey tomou unha decisión sorprendente este martes: destituíu á Martínez Acón como responsábel dunha concellería e apartouna do goberno local que os socialistas manteñen en solitario desde as eleccións de maio de 2019. O relevante é que Acón non é unha concelleira máis, é a secretaria da Agrupación Socialista Coruñesa. Rey desfaise dela dous anos despois de gañar a nominación como candidata socialista á Alcaldía da Coruña, unha nominación disputada en primarias nas que Acón e Rey estaban en bandos opostos.
A decisión da alcaldesa xustifícase, segundo fontes do goberno local, polo "absentismo laboral" da concelleira e a súa "falta de lealdade coa alcaldesa".
Desde a oposición, para Marea Atlántica a noticia enmárcase na crise permanente na que está instalado o goberno municipal e supón recoñecer que a Concellaría de Emprego é "un burato negro" por falta de resultados.
1️⃣ Agora se entende que non queiran aprobar uns #Orzamentos2021. O PSOE non está a gobernar, está a outra cousa. En crise permanente.
— Marea Atlántica (@mareatlantica) November 10, 2020
2️⃣ Inés Rey recoñece que a área de emprego é un burato negro. Imperdoable nestes momentos. https://t.co/lqreOjFQQT
O BNG reclama "un chisquiño de responsabilidade e sensatez" e sinala que "aumenta a inestabilidade no Concello, xusto o que menos necesita a cidade nestes momentos de grave crise".
Após estourar a finais de agosto pasado, agudízase a crise de goberno no executivo coruñés, o que aumenta a inestabilidade no Concello, xusto o q menos necesita a cidade nestes momentos de grave crise. Un chisquiño de responsabilidade e sensatez, x favor!!https://t.co/sCIJZsxbt6
— BNG A Coruña (@BNGACorunha) November 10, 2020
Rosa Gallego, a portavoz municipal do PP, comentou na súa conta de Twitter que a alcaldesa, "en vez de estar preocupada por quienes lo pasan mal en plena pandemia, está descentrada con peleas internas y ajustes de cuentas".
A decisión de Rey é un golpe na mesa da sempre axitada agrupación local coruñesa e un desafío aos seus opositores dentro do PSOE da cidade.