BNG | nota de prensa
A concesionaria de Nostián denégalle a petición de visita á planta aos grupos da oposición
“A empresa alega as mesmas razóns que no seu día aduciu Naturgy para impedir a visita da alcaldesa ao Centro de Operacións de Rede da eléctrica. Daquela, Inés Rey, e con toda razón, criticou o que nós consideramos un insulto á cidade”, afirma Francisco Jorquera
A Coruña, a 25 de maio de 2021.- A concesionaria da planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Nostián non autoriza a visita á planta dos portavoces de medio ambiente da oposición e faino cos mesmos argumentos –as restricións sanitarias pola Covid-19- que no seu día aduciu Naturgy para impedir a visita da alcaldesa ao Centro de Operacións de Rede da Eléctrica.
Na reunión da Comisión de Medio Ambiente que tivo lugar esta mañá no Pazo de María Pita, o Goberno Local “limitouse a comunicar esta decisión da concesionaria”, afirma Francisco Jorquera, portavoz do BNG.
“O Goberno Local tería que lle esixir á empresa que non impedise o noso acceso á planta. Trataríase dunha visita restrinxida só aos voceiros da oposición. Fai parte do noso labor institucional. Estamos a falar dunhas instalacións que son de titularidade municipal e que se atopan nun estado de deterioración moi preocupante. Non se nos pode coartar o dereito a facer a visita, gardando, por suposto, todos os protocolos de seguranza como xa habitualmente facemos”, di o voceiro nacionalista.
Jorquera lembra que cando Naturgy impediu a visita da alcaldesa ao seu Centro de Operacións de Rede Inés Rey convocou os medios diante do edificio da eléctrica para censurar o que vía como unha ofensa á cidade. “Daquela Inés Rey, e con toda razón, criticou o que nós consideramos como un insulto a todas as coruñesas e coruñeses. Por tanto, o Goberno Local debería agora ser consecuente e actuar para a concesionaria de Nostián non danar os nosos dereitos como representantes políticos electos pola cidadanía”, engade o portavoz do BNG.