BNG | nota de prensa
Jorquera: “O comportamento de Naturgy ao se negar a que a Alcaldesa visite as súas instalacións é o propio dos virreis nunha colonia”
Jorquera salienta que Inés Rey solicitoulle unha entrevista á empresa para lle dar cumprimento a unha moción aprobada no Pleno de marzo por iniciativa do BNG
A Coruña, a 19 de abril de 2021. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, cualifica de “falta de respecto a toda a cidade” a decisión de Naturgy de lle negar a visita ás súas instalacións da Avenida de Arteixo á alcaldesa e ao presidente da Deputación, quen esta tarde se achegaron á sede da empresa para falar con traballadoras e traballadores.
“En concreto, a petición dun encontro nas instalacións da empresa formulada por Inés Rey respondía á moción aprobada no Pleno de marzo por iniciativa do Bloque Nacionalista Galego. Non é só un desaire á alcaldesa, éo tamén a todas as veciñas e veciños da cidade”, considera Jorquera.
O voceiro nacionalista estivo esta tarde no exterior das instalacións de Naturgy a departir con traballadoras e traballadores atinxidos pola decisión da empresa de deslocalizar o seu Centro de Operacións de Rede a Madrid.
“Estivemos desde o primeiro momento coas traballadoras e os traballadores. Naturgy explota recursos naturais da Galiza e benefíciase de concesións e de axudas públicas. Non pode ser que logo se leve fóra actividades que xeran valor como o COR”, denuncia Jorquera.
“A negativa de Naturgy a permitir unha visita da alcaldesa mostra un total e absoluto desprezo á cidade. É intolerábel o seu comportamento, típico de quen se cren virreis nunha colonia”, conclúe.