Concello da Coruña
Francisco Dinís Díaz toma posesión como novo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade
Este xoves celebrouse o pleno ordinario do Concello da Coruña do mes de abril. Entre os asuntos da orde do día figuraba a toma de posesión como concelleiro da Corporación de Francisco Dinís Díaz Gallego. A alcaldesa, Inés Rey, desexoulle "sorte e acertos nesta nova etapa que inicia" o novo concelleiro. "Serán os acertos de todas as coruñesas e todos os coruñeses", afirmou a rexedora.
Díaz Gallego (A Coruña, 1988) farase cargo das competencias de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade. O novo concelleiro viña exercendo desde o comezo da lexislatura como conselleiro técnico da concellaría que agora lidera. Díaz Gallego é titulado en Arquitectura pola ETSAC e doutor pola Universidade da Coruña en Arquitectura e Urbanismo. Antes de chegar ao Concello traballou durante oito anos como arquitecto urbanista.
Cambio de nome do colexio Sanjurjo de Carricarte
Noutro dos asuntos da orde do día, o pleno municipal aprobou o cambio de nome do CEIP Sanjurjo de Carricarte a CEIP Torre de Hércules. A iniciativa aprobouse pola Comisión de Honras e Distincións do 4 de abril e recibiu os votos favorables dos grupos do PSOE, Marea Atlántica, BNG e Mixto. Votou en contra o grupo do PP.
O cambio de nome do colexio público foi aprobado por maioría polo seu Consello Escolar o pasado 24 de xaneiro. De entre as opcións propostas polo claustro, a máis apoiada foi CEIP Torre de Hércules. A dirección do centro solicitou ao Concello que emitise un informe favorable sobre dita proposta e aprobase en pleno o cambio de nome. Agora, o Concello trasladará á Consellaría de Educación da Xunta de Galicia o cambio de denominación.
Rúa para as Cidades Educadoras
Por outra banda, a mesma Comisión de Honras e Distincións do pasado 4 de abril tamén aprobou levar a pleno dedicar unha vía da cidade ás Cidades Educadoras. Esta proposta saíu aprobada cos votos favorables dos grupos do PSOE, Marea Atlántica, BNG e Mixto. Votou en contra o PP.
A Coruña foi unha das primeiras cidades en adherirse á Carta de Cidades Educadoras resultante do primeiro congreso internacional celebrado en Barcelona en 1990. O obxectivo foi construír un discurso común arredor da educación e dos distintos axentes que interveñen: familias, escolas, concellos, asociacións, industrias culturais, empresas e outros colectivos.
A Rede Estatal de Cidades Educadoras (RECE) constituíuse formalmente o 4 de xullo de 1996 na Coruña, coa presencia de 40 cidades. Para honrar a implicación da cidade nas actividades e compromisos desta rede e a súa asociación internacional, propúxose a denominación dunha vía como 'Cidades Educadoras'.
Distincións a policías
Por outra banda, o pleno aprobou a concesión da Medalla ao Mérito Policial con distintivo azul para cinco membros do corpo da Policía Local. A proposta dos mandos reunidos na Comisión de Distincións foi a de outorgar estes distintivos ao inspector Francisco Carro Rey, ao oficial Rubén Álvarez Hermida e aos policías Juan Manuel Fernández Rodríguez, Osiris Amorín Rodríguez e Roberto Sánchez Ramos. O obxectivo desta distinción é destacar a aqueles axentes que sobresaíron con notoriedade e perseveranza no cumprimento dos seus deberes no cargo.
A mesma comisión decidiu tamén propoñer a seis persoas da administración públicas alleas ao corpo policial para recibir felicitacións públicas por parte do Concello. Trátase de Beatriz Pacios Yañez, fiscal delegada de Menores da Fiscalía Provincial da Coruña; Luis Francisco Rodríguez Martínez, xeneral de brigada e xefe da 15ª zona da Garda Civil; Miguel Ángel Gervás Camacho, ex-xefe do corpo de Policía Local da Coruña; Manuel Álvarez de Cascos, inspector da Policía Nacional da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá; Javier Teijido Barreiro, inspector da Policía Autonómica; e Ramiro Martínez Rodríguez, director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste.
Ordenanza de axudas de conservación e rehabilitación
O pleno tamén aprobou unha modificación da Ordenanza reguladora da concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas. O obxectivo de ditos cambios é adaptar este documento ao proxecto de monitorización enerxética que leva a cabo o Concello en 60 vivendas a través de Eidus Coruña, explicou o concelleiro Díaz Gallego. Esta modificación permitirá ás persoas subscritas ao programa gozar de beneficios á hora de solicitar axudas municipais de eficiencia enerxética.
Tomouse, desde o Concello, a decisión de aplicar estes cambios ante a posibilidade de ampliar o dar continuidade a este proxecto piloto financiado con fondos FEDER. Por outra banda, o novo texto apróbase cunha achega do grupo municipal da Marea Atlántica para que a primeira convocatoria de axudas tras a aprobación da ordenanza reduza o tempo mínimo dun ano para que as persoas cun equipo de monitorización enerxética gocen dunha maior puntuación á hora de optar ás subvencións.
Este texto tamén corrixe outros dous aspectos da normativa. Por unha banda, establece o pagamento anticipado do 100 % das axudas a comunidades e propietarios. Por outra, establece un aval para persoas con débedas coa Administración.
Delegación en materia de sancións
Por outra banda, no pleno tamén saíu adiante a delegación na Deputación da recadación de sancións en vía executiva impostas na Coruña a persoas empadroadas noutros concellos. Trátase, explicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, de aumentar a efectividade da Administración e de evitar unha aplicación inxusta das normas, xa que o Concello non ten competencias fóra dos límites municipais, e ten máis dificultades para conseguir o aboamento de sancións cando estas se deben a infraccións de persoas non residentes na cidade. Así, o Concello renova a delegación que xa tiña na Deputación para sancións de tráfico, ampliando agora tamén ese servizo a outras infraccións.
Por outra banda, a alcaldesa leu no pleno catro declaracións institucionais aprobadas pola Corporación municipal. O Concello pediu a través destes textos continuar cos traballos de descenso ao barco 'Villa de Pintanxo', mellorar os servizos ferroviarios en Galicia, trasladar ás entidades bancarias a necesidade da atención presencial ás persoas maiores e instar a Repsol a esclarecer o accidente mortal ocorrido na refinería. Ademais, a Corporación trasladou o seu pésame á familia e amigos de Unai Martínez.