BNG | nota de prensa
O pleno aproba por unanimidade a moción coa que o BNG trasladaba ao concello demandas de colectivos de maiores
Nin PP nin PSOE votaron a prol da iniciativa do BNG en defensa da causa do pobo saharauí
A Coruña, a 7 de abril de 2022. O Pleno ordinario do mes de abril aprobou por unanimidade a moción coa que o BNG trasladaba ao Concello demandas dos colectivos de maiores Asociación Provincial Coruñesa de Xubilados e Pensionistas en Acción e Grupo de Xubilados e Pensionistas de Cigarreiras e Tabaqueiros. A iniciativa incorporaba tamén algunhas das queixas e reivindicacións contra a exclusión financeira recollidas no espazo dixital O Novo Normal, argumento da concentración que un nutrido grupo de persoas protagonizou o pasado domingo na Praza de Pontevedra.
“A calidade dun sistema social mídese en función da atención que reciben as persoas maiores e a infancia”, afirmou durante a súa intervención o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen deixou varios datos moi gráficos: na Coruña 25,2% da poboación ten máis de 64 anos e por cada 100 habitantes da nosa cidade con menos de 20 anos, hai 151 maiores.
Queremos unha cidade democrática, remarcou Jorquera, e iso pasa por garantir o desfrute do espazo urbano a todas as persoas, con independencia da súa idade e condición.
É por isto que a moción, entre outras medidas, propuña a creación dun servizo de atención especializada para persoas xubiladas e/ou maiores de 65 anos en materia de información e asesoramento sobre trámites e actuacións municipais, ben como tamén a eliminación de barreiras arquitectónicas no espazo público e en edificios de titularidade municipal e a habilitación de aseos en zonas de responsabilidade do Concello.
Propuñamos tamén, en concordancia coas demandas dos colectivos de maiores cos que mantivemos reunións recentes, a creación dunha Tarxeta da Persoa Maior para se beneficiaren de descontos e/ou do acceso gratuíto a espazos culturais e de lecer e ao transporte público.
Canto á exclusión financeira, demandamos a posta en marcha de mecanismos que garantan a atención presencial para persoas que non se manexan ben coas novas tecnoloxías, ben como tamén o fin das comisións bancarias abusivas.
O BNG votou favorabelmente a moción que o PP levou tamén a este Pleno sobre a mesma materia. Porén, Jorquera lembroulle ao grupo conservador que a Xunta “ten ferramentas para actuar e o que fai é subvencionar as entidades para que instalen caixeiros, incentivando deste xeito o peche de sucursais”, o que loxicamente vai en detrimento da atención presencial.
Mocións sobre o Sáhara e a escalada de prezos
A primeira das mocións do BNG en ser debatida foi a que demandaba o apoio da Corporación á causa do pobo saharauí e, consecuentemente, da súa reivindicación a prol do exercicio do dereito de autodeterminación.
“Cando eu nacín, o Sáhara era unha provincia española, co mesmo status xurídico que as galegas”, comezou por dicir Jorquera. “O Estado español ten, pois, unha responsabilidade histórica que non pode eludir”, engadiu.
Mais o certo é que o Goberno do Estado demitiu desa “responsabilidade histórica” ao traizoar o pobo saharauí cando, tras a Marcha Verde, asinou os Acordos de Madrid, “vendendo o Sáhara por parcelas”.
Pois agora, co goberno PSOE-UP, o Estado español “volve demitir da súa responsabilidade” e volve traizoar o pobo saharauí, asumindo como propias as posicións de Marrocos.
A moción do BNG ficou rexeitada cos votos en contra do PSOE e o apoio da Marea Atlantica e a concelleira non adscrita. O PP, que formalmente criticou o xiro político dado sobre esta cuestión polo Goberno de Pedro Sánchez, abstívose, non sen antes presentar unha emenda ao texto do BNG que a formación nacionalista non aceptou ao omitir calquera referencia ao dereito de autodeterminación que a legalidade internacional claramente confire ao pobo saharauí.
A moción sobre a escalada de prezos correu a mesma sorte: tamén foi votada en contra polo PSOE e contou co apoio de Marea Atlántica e a concelleira non adscrita e a abstención do grupo popular.
Para Jorquera, as medidas anti-crise recentemente decretadas polo Goberno do Estado son “insuficientes” e canto á Xunta, está tan ausente como Feixoo, a pesar de o Goberno galego ter competencias sobre o agro, a industria, o comercio.
A estratexia comunicativa do Goberno do Estado, analizou Jorquera, é a de atribuír a responsabilidade da inflación á guerra, mais a escalada de prezos –nomeadamente dos enerxéticos- é moi anterior ao conflito bélico. É preciso, por tanto, a adopción de medidas estruturais e non conxunturais.
Medidas, precisou, como unha reforma fiscal progresiva, o estabelecemento dunha tarifa eléctrica galega ou políticas sociais como o reforzamento do Ingreso Mínimo Vital e a actualización de salarios e pensións.
O BNG rexeitou as emendas que lle foron presentadas ao seu texto quer polo PP quer polo PSOE. “A do PP pídenos que aplaudamos a Xunta e ataquemos o goberno do Estado. A do PSOE pídenos que aplaudamos o Goberno do Estado e ataquemos a Xunta. E nós pensamos que hai que criticar os dous á vez”, concluíu.