Nota de prensa | BNG
Francisco Jorquera e Avia Veira, elixidos pola militancia para liderar a candidatura do BNG na Coruña nas eleccións municipais
Anuncian que traballarán como un tándem ata a cita de 2019, para ofrecer un proxecto que constrúa cidade recollendo o mellor da súa tradición e poñendo en valor os seus recursos
Aberta, inclusiva, feminista, verde e motor económico de Galiza, esa é a Coruña á que aspira o BNG
A asemblea local do BNG coruñés designou a Francisco Jorquera e a Avia Veira como cabezas de lista da candidatura que a formación nacionalista presentará na Coruña nas eleccións municipais de 2019.
A militancia aposta así por Francisco Jorquera, peso pesado e referente político da formación nacionalista como cabeza de cartel, ao tempo que dá continuidade á actual portavoz municipal, Avia Veira, que será a número dous da lista -o que supón un claro referendo ao seu traballo na actual corporación-.
Nas súas primeiras palabras á militancia tras ser elixidos, agradeceron a confianza depositada e anunciaron que van traballar “como un tándem” até a data dos comicios, perfilando o proxecto de cidade co que van pedir a confianza dos coruñeses e das coruñesas.
“Un bo goberno caracterízase por dúas cuestións: Ter proxecto de cidade e
ter capacidade, solvencia e liderado para levalo a cabo. A Coruña, neste momento, carece de proxecto e carece de liderado. Non podemos asumir a perda de peso da nosa cidade, hai que poñer a funcionar a súa enerxía e potencia”, salientou Jorquera.
O candidato lembrou que tras defender “con paixón e argumentos” os intereses da Coruña desde os parlamentos español e galego, “teño agora a oportunidade de traballar pola miña cidade desde o Concello, pola cidade na que vivo desde os nove anos e na que naceron a miña muller e os meus fillos”, salientou emotivo.
Jorquera e Veira avanzaron as liñas mestras do proxecto co que aspiran a construír “unha Coruña con horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades”.
O candidato a alcalde afincou o proxecto que propón o BNG en dúas apostas claras: “Primeiro, recuperar o peso e o dinamismo económico da cidade; segundo, facer da Coruña unha referencia, en Galiza e fóra dela, de cidade inclusiva, igualitaria, feminista, verde e aberta”.
Jorquera insistiu ante a militancia en que “para facer da Coruña esa cidade de referencia non hai que estar mirando ou imitando a outros. Chega con mobilizar toda a potencia, capacidade e recursos que ten en favor dun proxecto compartido de cidade”.
Culta, aberta e nacionalista
Nesta liña, explicou, “a cidade que nós queremos constrúese a favor de si mesma, a partir do mellor da súa propia tradición, a da Coruña culta, progresista e republicana, moderna e aberta, librepensadora, popular, galeguista e nacionalista”.
“No BNG sabemos facelo” –insistiu- “e temos exemplos de prestixio internacional que o demostran. Nós non quedamos nas palabras bonitas, sabemos levalas á realidade”.
Convencido de que “esta Coruña é posible”, o candidato a alcalde polo BNG pediu o apoio activo de toda a militancia e fixo un recoñecemento expreso do traballo realizado pola portavoz municipal Avia Veira, “que está a desenvolver un labor extraordinario e xa demostrou estar sobradamente preparada e ter a cidade na cabeza”.
“É un orgullo compartir candidatura con ela”, recalcou Jorquera, que tamén tivo palabras de recoñecemento para os anteriores portavoces municipais e concelleiros e concelleiras nacionalistas e unha lembranza expresa para o primeiro alcalde nacionalista da Coruña, Domingos Merino.
Cambio de políticas
Pola súa parte, Avia Veira sinalou que no seu labor de oposición procura “que o cambio de Goberno supuña un cambio de políticas, non só de caras”, destacando que o traballo municipal do BNG foi crítico “pero sempre acompañado de achegas e propostas en materia de servizos sociais, medio ambiente, mobilidade, mercados municipais, situación dos barrios”.
“Fixemos e, seguiremos nesa liña, facendo propostas transformadoras para lograr que a cidade avance en clave de esquerdas, nacionalista e en favor das maiorías sociais”, subliñou. Veira fixo fincapé “no enorme potencial desta cidade que debe ser referencia para o país, unha Coruña aberta ao mar, con porto, parques empresariais, universidade, centros de investigación, barrios con sentir propio e organizados, cunha enorme tradición asociativa e cunha potencia cultural e creativa. Ten todo para medrar e avanzar”, concluíu.