Tras realizar máis de 13.300 actuacións de rexeneración e limpeza nas rúas da cidade

O programa de coidado integral do espazo público ‘A Pé de Barrio’ inicia a súa segunda edición

A segunda volta de ‘A Pé de Barrio’ arrinca esta xornada no Distrito 10. Até o 17 de setembro actuará en A Torre-Orillamar, Durmideiras, Monte Alto-As Lagoas, Agra de San Amaro, Zalaeta-Orzán, As Atochas-Pelamios, Cidade Vella-Maestranza e Pescaría

O programa de coidado integral do espazo público ‘A Pé de Barrio’ inicia a súa segunda edición
A pe de barrio
O alcalde, Xulio Ferreiro, a concelleira de Medio Ambiente, María García, e os titulares de Rexeneración Urbana e Mobilidade Sostible, Xiao Varela e Daniel Díaz Grandío, na presentación da segunda edición de A Pé de Barrio

Concello da Coruña | 19/06/2018

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, María García, e os titulares de Rexeneración Urbana e Mobilidade Sostible, Xiao Varela e Daniel Díaz Grandío, presentaron este martes a nova edición do plan intensivo de coidado no espazo público A Pé de Barrio que, ao longo dun ano, realizou 13.312 actuacións de rexeneración urbana e mellora en 66 barrios da cidade. Ademais, tras 12 meses de vixencia, o programa volve comezar o seu periplo pola cidade. En concreto, dende esta xornada e até o 17 de setembro, A Pé de Barrio estará no Distrito 10, co que levará a cabo accións en 13 barrios (A Torre-Orillamar, Durmideiras, Monte Alto-As Lagoas, Agra de San Amaro, Zalaeta-Orzán, As Atochas-Pelamios, Cidade Vella-Maestranza e Pescaría). O rexedor salientou, nun acto público celebrado na praza das Lagoas, que "pasado un ano dende que este plan integral botou a andar, podemos dicir que cumprimos co noso compromiso, que era o de levar a cabo o plan de limpeza e coidado do espazo público máis intensivo e máis equitativo que nunca se levou a cabo neste Concello". "Un dos obxectivos cos que se impulsou este programa hai un ano foi o de tratar de reequilibrar as atencións que viñan recibindo os distintos barrios da cidade en épocas pasadas. Era necesario atender a todos os barrios, tamén aqueles que, tradicionalmente, foron esquecidos", dixo o primeiro edil. "Aquelas zonas que outros gobernos relegaron a periferia, teñen para nós a mesma importancia que o centro", dixo. "O espazo público é a cidade común, o lugar que compartimos, onde convivimos e onde nos atopamos. Nunha cidade de barrios é esencial coidar o espazo público". "Ao longo de 12 meses atendemos 66 barrios distintos da cidade distribuídos nos 10 distritos", engadiu.

O programa A Pé de Barrio foi concibido como unha aposta de goberno totalmente transversal, que implica a máis de 20 servizos municipais distintos e, de xeito directo, ás concellerías de Medio Ambiente, Rexeneración Urbana e Mobilidade Sostible. As actuacións que se desenvolven dentro do mesmo van dende a limpeza viaria até o mantemento de firmes e contedores, retirada de herbas das beirarrúas e mellora e coidado de parques e xardíns, así como repintado da sinalización e rexeneración de fontes ornamentais, entre outras.  En concreto, no seu primeiro ano de vixencia, A Pé de Barrio levou a cabo tarefas de limpeza intensiva con auga e retirada de herbas en 1.084 rúas da cidade. Ademais, e de cara a xerar o maior aproveitamento e as menores molestias posibles, 3.568 comercios e establecementos de hostalería da cidade foron visitados e informados sobre o plan.

Por outro lado, as 13.312 accións de coidado de espazo público e rexeneración urbana comprenderon 7.618 actuacións de incremento de arborado, reasentamento de tapas de rexistros da rede de sumidoiros, control de pragas e incidencias con aves; 2.364 actuacións sobre o alumeado público que inclúen a substitución de lámpadas e equipos auxiliares, pintado de soportes, revisión de centros de mando, análise  e correccións lumínicas; 1.315 melloras en fontes ornamentais, con obras de eficiencia para o aforro de auga e electricidade, control de calidade e salubridade, limpeza e retirada de sólidos flotantes, baleirado e hidrolimpeza e pintado; 1.433 actuacións de rexeneración urbana incluíndo reparacións e mellora da accesibilidade nas beirarrúas, repintado de pasos de peóns, substitución de baldosas, fontes e alumeado e eliminación de fochancas; 1.032 accións en parques, xardíns e zonas verdes, con sega, recorte de sebes e escarda de alcorques.

Ferreiro recordou que A Pé de Barrio é un programa que "vén a aumentar e complementar os servizos que xa se realizan dende o Concello de forma habitual, como é o caso da limpeza". "Este programa non substitúe a ningún destes servizos, senón que é un extra, de limpeza e actuacións en profundidade", indicou.

Ao fío, o mandatario local comentou que as molestias puntuais que pode xerar a aplicación do programa "son compensadas con creces cos seus resultados", que se vén referendados cos galardóns que está a recibir a cidade, como é o caso da recente Escoba de Platino, "un premio bianual que distingue as mellores iniciativas a nivel estatal en materia ambiental e en canto a xestión de residuos e limpeza nos municipios".

Cidade Vella

Por outro lado, e preguntado polos medios, Ferreiro recordou que a partir de mañá comezarán a aplicarse medidas de reordenación de tráfico na Cidade Vella, de cara ao proceso de peonalización que arrincará o próximo luns, 25 de xuño. Así, a partir do 20 de xuño, a rúa Maestranza pasará a ter sentido único de circulación. En canto ás reordenacións de liñas de transporte público, a 3A e 17, no sentido de circulación de Campo da Leña a Porta Real, circularán dende Metrosidero por Julio Portela Ceballos (vial de acceso ao Paseo Marítimo), Abente y Lago e Paseo do Parrote, onde se incorporarán ao seu itinerario habitual. Por outro lado, a parada 177, na Hípica, trasladase a Julio Portela Ceballos. A parada 179, que se atopa á altura do Xardín de San Carlos, queda anulada, habilitándose para ambas liñas a parada 523 (lateral do Abente y Lago). "As medidas están planificadas e faladas cos actores sociais e asociativos da Cidade Vella. Hai un consenso para esta reordenación que vai servir para amañar problemas crónicos", recordou o primeiro edil.

Resumo actuacións 'A Pé de Barrio' (2 MB)

 

O programa de coidado integral do espazo público ‘A Pé de Barrio’ inicia a súa segunda edición