Axenda cultural

O goberno local rende homenaxe nas Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno cunha programación "que pon en valor a cultura de proximidade"

O 17 de maio o goberno local organizará, por terceiro ano consecutivo, unha lectura pública colectiva aberta á veciñanza desde o balcón do Pazo de María Pita, e as bibliotecas municipais ofrecerán, durante toda a semana, préstamo ilimitado de material en galego

O goberno local rende homenaxe nas Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno cunha programación "que pon en valor a cultura de proximidade"
José Manuel Sande, acompañado por Pablo Zahera, presentou a programación municipal do Día das Letras Galega
José Manuel Sande, acompañado por Pablo Zahera, presentou a programación municipal do Día das Letras Galega

O responsable da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación de actividades que terá lugar a vindeira semana co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2018, que este ano renden homenaxe á escritora María Victoria Moreno. A partires do luns 14, e até o sábado 19, o goberno local promoverá unha serie de iniciativas que inclúen a lectura pública da obra de Moreno desde o balcón do Pazo de María Pita, un concerto no Campo da Leña con grupos galegos, diversas propostas abertas a todos os públicos nas bibliotecas municipais e unha programación específica elaborada, en común, coas librarías de proximidade da Coruña. Desde xeito, e por segundo ano consecutivo, a Concellería colabora co sector libreiro local, que este ano amplía a súa participación ao pasar de 12 establecementos colaboradores a un total de 17, á hora de ofrecer parladoiros, concertos, contacontos, obradoiros e outro tipo de actividades abertas e gratuítas á veciñanza.

Tal e como lembrou José Manuel Sande na presentación, esta proposta dá continuidade ao proceso participado iniciado no outono 2016 coas librarías da cidade, e que tiña como obxectivo "favorecer a cultura de proximidade, a descentralización da mesma e de recuperación dos barrios". "Hoxe presentamos a consecuencia dun traballo colectivo que tamén incidiu na Feira do Libro e noutras actividades, e que pon en valor esa idea de Coruña Próxima, dunha cidade a sensibilidade, a cultura, tanto a parte artística como na súa vertente comercial, é necesaria", apuntou o edil.  

Así, desenvolveranse máis de 30 actividades, en horario de mañá e tarde, na Libraría Azeta, Libraría Lume, Couceiro Librarías, El faro de los tres mundos, A Carapuchiña Feroz, Libraría Cascanueces, Libraría Suevia, Libraría Santé, Berbiriana, Fiandón Libros de Vello, Libraría Sisargas, Libraría Santos Ochoa, Libraría Sueños de Pepel, Libraría Moito Conto, Libraría Formatos, Alita Cómics e Metrópolis Cómics. "Falamos da implicación de 17 espazos culturais, en moitos casos de establecementos especializados, que poñen en valor  o seu labor como referente nos barrios e o compromiso do goberno local co sector", apuntou Sande, que estivo acompañado na presentación por Pablo Zahera, libreiro e responsable da co-organización das actividades co Concello. "A programación abrangue actividades dirixidas a todos os públicos, desde infantís até música, pasando por recitais, literatura fantástica en galego ou pola iniciación ao cómic", explicou Zahera, que salienta "a aposta por dar máis voz ás mulleres nesta edición", a través de iniciativas como as charlas Mulleres, libros e viceversa, na que participarán, entre outras autoras,  como Inma López Silva ou Emma Ríos.

Lectura colectiva en María Pita

 

Ás iniciativas que se desenvolverán durante toda a semana nas librarías súmase tamén a lectura pública colectiva, desde o propio balcón do Pazo Municipal de María Pita, da obra da autora homenaxeada nesta edición. Esta iniciativa, que se celebra por terceiro ano consecutivo no Concello o propio 17 de maio e que o responsable de Culturas cualificou como "fermosa", pretende achegar a obra de María Victoria Moreno a todos os públicos e favorecer unha participación activa da cidadanía na festa das letras galegas. A proposta, tal e como recordou Sande, comezará ás 12.00 horas deste xoves desde o balcón, "sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan. Se non é posible, trasladarase, como o ano pasado, ao salón de Plenos", explicou o edil. As persoas que queiran intervir na lectura poderán facelo, previa inscrición, a través do correo [email protected]

Actividades nas Bibliotecas

 

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento tamén salientou as actividades que a rede de Bibliotecas Municipais está a realizar durante todo o mes para o fomento da lectura en galego, "e que referendan o seu carácter de excelencia e de compromiso coa promoción da cultura". Así, do luns 14 ao sábado 19, todos os centros ofrecerán préstamo ilimitado de materiais en galego, ademais de acoller, na súa meirande parte, mostras bibliográficas que renden homenaxe á María Victoria Moreno así como outras autoras e autores de referencia da literatura galega.

Xa o día 15, a biblioteca dos Rosales acollerá un encontro --a partires das 18.30 horas --coa escritora Emma Pedreira,  que vén de gañar o IV Premio Internacional de Poesía Jovellanos coa súa obra Lista da compra da viúva, que presentará o vindeiro martes. As actividades abertas á veciñanza completaranse co concurso #selfieLetrasGAL, unha proposta a través da cal as Bibliotecas Municipais convidan á cidadanía a compartir a súa lectura favorita en galego na rede social Instagram, a través dos cancelos #recomendamosBMC e #selfieLetrasGal --e etiquetando ás bibliotecas na foto, co perfil @bibcoruna--, e que dará a posibilidade de gañar un lote de libros. As bases completas da iniciativa pódense consultar no web www.coruna.gal/bibliotecas.

Ademais, a biblioteca do Centro Ágora está a promover o ciclo Eloxio da Diversidade, dentro da liña de traballo cos centros de ensinanza na súa área de influencia e que inclúe unha ampla programación arredor da efeméride. Desde o 9 maio, e até o día 29, preto de 200 mozas e mozos de bacharelato, ESO, e de ciclos formativos participarán, activamente, en actividades que inclúen visitas á Real Academia Galega, ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e da Deputación, ou ao Teatro Colón -- nun evento teatralizado e protagonizado pola figura de María Casares--, entre outros espazos.

Música polas Letras

 

Tamén durante a noite do mércores 16, o Campo da Leña acollerá un concerto especial co gallo do Día das Letras Galegas, que contará coa participación de diversos grupos de orixe galega, "con música crítica e aspectos máis que interesantes", segundo apuntou Sande. Así, ás 22.00 horas, O Leo i Arremecághona subiranse ao escenario, para dar paso, contra ás 23.15 horas, á banda The Tetas Van. Finalmente, Terbutalina pechará a sesión cunha actuación que comezará contra ás 00.15 horas da noite.

O goberno local rende homenaxe nas Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno cunha programación "que pon en valor a cultura de proximidade"