Por “minimizar e infravalorar os feitos ao non consideralos agresión sexual”

O Pleno municipal aproba por unanimidade unha declaración institucional de rexeitamento á sentenza de ‘La manada’

Os votos conxuntos de PP e PSOE evitaron a aprobación dun expediente de recoñecemento extraxudicial de tramitación habitual por valor de 1,3 millóns de euros, co que, entre outros servizos, se abonaría o correspondente á recollida do lixo do mes de decembro

O Pleno municipal aproba por unanimidade unha declaración institucional de rexeitamento á sentenza de ‘La manada’
Pleno 7 de maio
Pleno 7 de maio

O Pleno municipal deu luz verde esta tarde a unha declaración institucional presentada polo grupo de goberno pola que o Concello da Coruña amosa o seu rexeitamento público ante a sentenza da Audiencia Provincial de Navarra polo coñecido como caso de 'La manada', ao entender que esta "minimiza e infravalora os feitos ao non consideralos agresión sexual e ao non ter en consideración o agravante de realizarse os mesmos en grupo".  O texto da declaración, que contou co apoio de todos os grupos da Cámara, indica que a sentenza que impón aos cinco acusados unha pena por delito de abuso sexual continuado con prevalencia, pero desestima o emprego da intimidación e violencia necesarias, segundo o Código Penal, para ser tipificada como agresión sexual, "favorece a impunidade das agresións machistas e envía unha mensaxe que desacredita as vivencias das mulleres que sofren estas agresións". Así mesmo, o texto aprobado tamén incide en que a sentenza "coloca o foco no comportamento da vítima e non dos agresores de cara a apreciar ou non a existencia de intimidación" e salienta que o fallo "pon de manifesto a necesidade de introducir a perspectiva de xénero na formación das persoas que desenvolven tarefas xudiciais, policiais e doutra índole nas diversas institucións do Estado".

O Concello da Coruña apoia esta declaración institucional na valoración que numerosas expertas xurídicas e entidades feministas e de mulleres realizaron desta resolución xudicial nas últimas dúas semanas e acorda, máis alá do rexeitamente público á sentenza por desbotar a existencia de intimidación a pesar de que esta poida desprenderse claramente do relato dos feitos probados, "instar ás Cortes Xerais do Estado a estudar a necesidade de proceder aos cambios lexislativos que fosen precisos para que se recoñeza o sexo sen consentimento coma violación, no marco do Convenio de Istambul". Do mesmo xeito, a citada declaración institucional tamén amosa "o apoio incondicional" por parte do Concello da Coruña "a todas as vítimas, moitas veces invisibles, de abusos, agresións sexuais e calquera tipo de violencia cara as mulleres, así como a todas as mobilizacións sociais que persigan este obxectivo".

Modificación no anexo de subvencións

 

Por outro lado, o Pleno municipal aprobou senllos expedientes de modificación do anexo de subvencións nominativas deste exercicio. O primeiro expediente recolle un suplemento por valor de 10.000 euros na aplicación dos convenios nominativos de Deportes para financiar un novo convenio coa entidade Atlético Coruña Montañeros para o fomento da práctica do fútbol, e un segundo suplemento de crédito, neste caso por 8.000 euros, que serán destinados a un novo convenio coa Asociación Cultural e Deportiva Faro de Monte Alto para contribuír ao sostemento dos gastos xerais da entidade e de todos aquels derivados das actividades desenvolvidas pola mesma en 2017. Estes dous suplementos se financian con baixas nos servizos de Deportes e Cultura que poden ser asumidos sen prexuízo ningún para o correcto desenvolvemento dos servizos. Do mesmo xeito, o Pleno deu luz verde a outras dúas modificacións do anexo de subvencións nominativas á Universidade da Coruña e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. Ambas modificacións non afectaban as contías económicas, senón á redacción da finalidade dos convenios.

O Pleno municipal tamén deu luz verde, coa única abstención do PP, á aprobación inicial dun suplemento de crédito por valor de 70.000 euros aprobado polo Concello Reitor do IMCE para o financiamento de dous convenios nominativos coa Asociación Sociocultural Acampa destinado ás actividades desenvolvidas o pasado ano e as que se levarán a cabo este 2018 dentro do programa cultural pola paz e para o refuxio, onde se pon de manifesto a realidade de miles de persoas migrantes. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou que este suplemento de crédito financiase a cargo do propio remanente de tesourería para gastos xerais do IMCE, polo que non é precisa ningunha modificación orzamentaria a maiores.

Recoñecemento extraxudicial

 

Por outra banda, os votos conxuntos de PSOE e PP tombaron a aprobacion do expediente de recoñecemento extraxudicial correspondente a facturas de exercicios pasados por valor de 1,3 millóns de euros, entre as que destaca a relativa ao servizo de recollida do lixo correspondente a decembro do pasado ano por un importe de 848.236 euros, que se acolle a esta fórmula mentres no se procede á licitación do próximo contrato, tras 50 anos de vixencia do anterior. A pesar de tratarse, como advertiu a concelleira de Medio Ambiente, María García, dunha fórmula administrativa ordinaria, socialistas e populares uníronse para evitar "de forma insólita" a aprobación de facturas destinadas "a pagar servizos xa realizados".

"Os recoñecementos extraxudiciais son fórmulas administrativas habituais. En todos os casos que aquí se tratan os servizos correspondentes emitiron informes que xustifican a prestación efectiva dos servizos facturados, así como a adecuación dos mesmos aos prezos de mercado. No caso do servizo de recollida este recoñecemento extraxudicial deriva do feito de que o contrato, rematado en xaneiro de 2017, está actualmente a punto de licitarse", expuxo a concelleira Vieito durante a súa intervención, na que tamén destacou o pioneiro proceso de consulta para a elaboración dos pregos do novo contrato posto en marcha pola Concellería de Medio Ambiente. A este respecto, a titular deste departamento, María García, lamentou a actitude de PP e PSOE (que antes de votar en contra á totalidade do asunto presentou un voto particular que foi rexeitado para excluír as facturas relativas ao servizo de recollida de lixo). "Saben perfectamente que este é un recoñecemento absolutamente rutinario, e saben que temos que pagar polos servizos que se prestaron. A todos se nos enche a boca en falar de dereitos cando son vostedes os que están a impedir que se lles poida pagar aos e ás traballadoras", manifestou.

Pola súa banda, Vieito recordou que en 2011, o anterior goberno local levou a cabo recoñecementos extraxudiciais de crédito por valor de 5,2 millóns de euros, sendo a contía de 1,2 millóns de euros en 2012, 4,7 millóns en 2013, 3,9 en 2014 e 3,1 en 2015. "Dende logo, non é a primeira vez que un gasto se repara porque o contrato non se adxudica no prazo previsto. Por exemplo, en novembro de 2011 rematou o contrato de mantemento da rede semafórica, que estivo sen renovarse até marzo de 2014. Durante eses dous anos e medio, o Concello seguiu pagando o servizo con facturas con reparos por valor de 90.000 euros ao mes, ata un total de 2,4 millóns de facturas sen contrato", evidenciou. "Do mesmo xeito, en abril de 2012 rematou o contrato de mantemento da paxareira de San Diego, que non foi renovado até 2013, e en xullo de 2012 expirou o de mantemento de instalacións deportivas, que se prorrogou até o mes de novembro. As facturas, con reparos, seguiron chegando nos meses intermedios e foron pagándose", evidenciou.

Réxime de Fiscalización Limitada Previa

 

Entre os asuntos aprobados na sesión ordinaria do Pleno do Concello da Coruña destaca tamén a proposta realizada polo departamento de Intervención de implantar un réxime de fiscalización limitada previa, en adaptación á nova normativa estatal que entrará en vigor en xullo deste ano. A proposta, aprobada por unanimidade, xa foi explicada polo interventor municipal a todos os grupos da corporación e contou co voto favorable dos mesmos na pasada Comisión de Facenda e ten como obxectivo lograr un control económico orzamentario aínda máis riguroso. A normativa estatal que entrará en vigor nos próximos meses prevé que o desenvolvemento da función interventora se poida realizar mediante a fiscalización e intervención previa ordinaria ou ben mediante un réxime de fiscalización limitada previa. "No informe que deu orixe a esta proposta plenaria, o departamento municipal de Intervención expón que esta opción de fiscalización é a máis acaída en base aos medios cos que contan as entidades locais e, en concreto, este Concello", apuntou a concelleira.

A proposta de fiscalización previa aprobada este luns fixa, ademais dos extremos básicos de fiscalización que xa se recollen na normativa estatal, outros supostos que poden ser obxecto deste tipo de fiscalización limitada previa como é o caso de proxectos de expropiación forzosa por taxación conxunta, expedientes de execución de sentenzas xudiciais, expedientes en fase de recoñecemento de obrigas en caso de contratos menores, expedientes de contratación non menores, ou exepdeientes de devolución de ingresos indebidos.

Vieito aludiu, non obstante, as normativas estatais que "solicitan que os concellos poñamos en marcha máis funcións fiscalizadoras a pesar de que as normativas do señor Montoro o que fan é limitar a taxa de reposición e a contratación pública, facilitando, iso si, que se poidan contratan asistencias privadas".

Liquidación do ano 2017

 

Por outro lado, e ao fío dos debates que se mantiveron no Pleno, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, salientou a boa situación contable do Concello da Coruña que, neste momento, e logo do refinanciamento da débeda "destina ao pago de intereses menos dunha doceava parte do que se levaba a cabo durante o pasado mandato". "O pasado ano destinamos algo máis de 215.000 euros a obrigas recoñecidas no apartado de gastos financeiros, fronte aos 2,6 millóns do ano 2014", recordou a edil, que apuntou que "ademais de reducir os intereses da débeda que deixou o anterior executivo municipal, a través do refinanciamento de préstamos por importe de 62 millóns de euros, que permitirán aforrar arredor de 5,6 millóns de euros en intereses durante a vida deses préstamos, cancelamos un plan de axuste innecesario que limitaba a nosa autonomía municipal, e fomos quen de liquidar o exercicio pasado coa menor débeda viva dos últimos 10 anos, con 63,8 millóns de euros". "Os datos de liquidación de 2017 reflicten unha mellora da capacidade de autofinanciamento do gasto correcto do Concello, que o pasado ano acadou un aforro neto de 27 millóns de euros", manifestou tamén Vieito, que destacou o superávit acadado de 18,3 millóns de euros, ademais dun remanente líquido de tesourería de máis de 23,3 millóns de euros. "O noso desexo é poder destinar o superávit a proxectos encamiñados á mellora da cidade a través dos investimentos financeiramente sostibles (IFS) que o Estado permite levar a cabo a aqueles concellos que presetan unhas contas saneadas", recordou, á vez que manifestou a intención do executivo municipal de financiar con esta partida intervencións de mellora no espazo público, entre as que se atopan actuación de mellora do alumeado e a eficiencia enerxética, ampliación, naturalización e restauración de zonas verdes e melloras e reparacións en instalacións deportivas e centros cívicos e educativos.

O Pleno municipal aproba por unanimidade unha declaración institucional de rexeitamento á sentenza de ‘La manada’