Coruña sostible
As iniciativas de educación ambiental do Concello sumaron unha participación de máis de 10.000 persoas no pasado ano
A Concellería de Medio Ambiente ten en marcha a nova contratación do servizo, que está dirixido a centros escolares, entidades e colectivos da cidade, para os vindeiros tres anos
As actividades do programa estable inclúen charlas, obradoiros ou visitas a lugares de interese ambiental e se complementan con accións puntuais como os programa ‘Móllate!’ ou ‘No seu sitio’, entre outros
A Coruña, 1 de xaneiro de 2019.- Os programas de educación ambiental postos en marcha polo Concello chegaron a 10.000 persoas durante o pasado ano. A Concellería de Medio Ambiente mantén durante todo o ano un programa estable para centros escolares, entidades e colectivos e tamén organiza actividades puntuais arredor de temáticas concretas, como a xestión dos residuos, o ciclo da auga ou a calidade ambiental, entre outros, das que tomaron parte preto de 7.000 persoas. Ademais, outras 3.000 persoas participaron en diferentes iniciativas de sensibilización ambiental do Concello. Este programa anual está pensado como apoio para os centros escolares, as entidades e os colectivos, tanto formais como informais, que queiran coñecer máis sobre diferentes cuestións ambientais e se desenvolve a través de diferentes actividades como charlas, obradoiros e visitas a lugares de especial interese entre os que se atopan a contorna de Cecebre, Bens, Nostián, a rede da calidade do aire, os Espazos Naturais de Interese Local da cidade ou nas novas instalacións como as hortas urbanas ou nos futuros puntos de observación de aves no Portiño. “Só unha cidadanía máis consciente e máis comprometida pode facer fronte ao maior desafío que ten a humanidade, que é o cambio climático, e para o cal os Estados teñen que tomar hoxe medidas e estar a súa altura. Pola nosa banda, dende o ámbito local estamos a actuar non só en vías para paliar o cambio climático a través das políticas de mobilidade, eficiencia enerxética, expansión do arborado e apostando por unha maior naturalización da cidade, pero é necesario abordar este reto tamén dende a educación e a concienciación”, explica a concelleira de Medio Ambiente, María García.
Estas actividades terán continuidade coa licitación do vindeiro prego de contratación deste servizo, que está en período de presentación de ofertas ata o día 11 de xaneiro. As novas bases propoñen a realización dunha serie de actividades con carácter extensivo, para a participación puntual, como outras máis intensivas que teñen un seguimento ao longo do curso, “co obxectivo de fornecer de recursos, materiais e axuda a aqueles centros educativos ou entidades que teñen un especial interese en traballar a temática ambiental”. O prego estipula un importe anual de 117.704 euros para o programa estable de educación ambiental durante tres anos, cunha posible prórroga de dous anos máis. O servizo está dirixido a todos os centros, colectivos e entidades da cidade, grupos formais ou non, de máis de cinco persoas e contempla tamén actividades específicas para mercados, bibliotecas e outros centros municipais. “O programa busca promover unha cidade máis comprometida co medio a través da educación ambiental, un proceso necesario, transformador e empoderador que nos permite entender a relación entre o noso modelo económico, o noso estilo de vida e o noso impacto sobre o medio tanto a nivel local como global”, indica García. Estas accións compleméntanse ao longo do ano con outras actividades de educación ambiental, como o programa Móllate!, as campañas de residuos No seu sitio vinculadas a sectores como o comercio e a hostalería ou as iniciativas de compostaxe caseira, así como outras de voluntariado e de custodia do territorio que se desenvolven no monte da Fraga e na contorna da Torre de Hércules, entre outros. O programa serve de apoio tamén a accións de educación ambiental nas festas e a actividades nos barrios “que serve para descontextualizar a educación ambiental e situala noutros contextos como son nas actividades de lecer e os espazos de encontro da cidadanía”.