Encontro cidadán 2018
O alcalde destaca que “A Coruña afronta o 2019 cun orzamento expansivo"
Durante o xa tradicional encontro cidadán, Ferreiro manifestou que espera poder sacar adiante nas próximas semanas “uns presupostos que apostan pola dinamización económica e a creación de emprego, materia na que recollen un incremento de fondos próximo ao 18%
A Coruña, 28 de decembro de 2018.- O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu este mediodía o xa tradicional acto de recepción á cidadanía que se celebra no pazo de María Pita para despedir o ano coa veciñanza. No discurso que pronunciou no salón municipal de Plenos, o rexedor salientou que “A Coruña afronta o 2019 que vén con forzas renovadas e con confianza na nosa capacidade de sumar e poñer as persoas no centro das nosas preocupacións”. Así, indicou que “grazas á extraordinaria captación de fondos europeos, máis de 20 millóns de euros no que vai de mandato, e o saneamento das contas, coa redución á metade da débeda acumulada polo Concello, aprobaremos nas próximas semanas un orzamento expansivo que superará, por primeira vez en anos, os 250 millóns de euros”. Unha contas que se traducirán en “máis investimento, máis gasto social, máis igualdade e unha aposta clara, cun incremento dos fondos cercano ao 18%, pola dinamización económica e a creación de emprego”.
Ferreiro salientou, ante un auditorio cheo, algunhas outras actuacións municipais para o vindeiro ano, “no que veremos a demolición, por fin, do viaduto da Rolda de Nelle e a reurbanización do entorno”. A aprobación dos proxectos de execución dos accesos á estación Intermodal tamén será unha realidade, “para que ninguén teña xa ningunha escusa para privar a esta cidade da conectividade que precisa”. “E abriremos as Naves do Metrosidero, un equipamento único na súa especie, enteiramente dedicado á xente máis moza, ao noso futuro. Renovaremos as rúas do Rosario e Cortaduría, na Cidade Vella, e teremos unha nova praza pública no Castrillón.
Ampliaremos a praza das Conchiñas e iniciaremos, por fin, a remodelación dos mercados de Santa Lucía, Durmideiras e Monte Alto. Instalaremos un elevador entre a avenida da Concordia e o Miradoiro dos Castros e comezaremos a construír un novo equipamento público en Catro Camiños, no antigo edificio do Remanso”, comentou o rexedor, en canto ás actuacións máis destacadas en obra pública.
No ámbito social e con respecto a outras novidades que traerá o 2019, o primeiro edil chamou a atención sobre o feito de que as entidades sociosanitarias da cidade pasarán a instalarse no Centro Cívico de San Diego. “Ademais, eliminaremos o copagamento na axuda a domicilio, aprobaremos unha ordenanza de igualdade e impulsaremos a construción de dúas novas escolas infantís, a primeira delas no Ofimático”, avanzou. No que atinxe ao espazo público, recordou, ao fío, que o vindeiro exercicio “entrarán en vigor os novos contratos de limpeza viaria e recollida de lixo, con mellores prestacións e instrumentos máis eficaces, e a planta de tratamento de Nostián incrementará a súa capacidade de reciclaxe cunha nova concesión e un investimento de 42 millóns de euros”.
Innovación
Ferreiro tamén fixo fincapé na importancia de que o 2019 sexa ano de avances no que atinxe ao despegue da cidade como motor de innovación. “Xunto coa universidade e os axentes sociais e económicos, comezaremos a aplicar a Estratexia Metropolitana da Innovación, abriremos unha Oficina de Promoción Industrial, relanzaremos a nosa acción exterior e aprobaremos novos incentivos fiscais á creación de emprego”, dixo, para manifestar, ao fío, a súa confianza en que a Lei da Área Metropolitana da Coruña chegue ao Parlamento de Galicia. “Espero tamén ver a todas as administracións remando xuntas para que esta cidade recupere os seus terreos portuarios, porque ideas non faltan e a nosa xente ten dereito a decidir”, engadiu tamén a respecto do futuro do bordo litoral.
En canto a actuacións que se iniciaron este ano e que terán a súa continuidade o que vén, o primeiro edil salientou: “Hai un ano anunciei que o Ofimático comezaría, por fin, a ser un barrio de verdade, e non só un pesadelo para centos de veciños e veciñas da nosa cidade (un pesadelo longo e duro polo que este Concello e varias Corporacións deberiamos pedir perdón), e esta mañá concedemos outra licenza de primeira ocupación para outra cooperativa de vivendas”, anunciou.
Con respecto á situación global, o mandatario coruñés manifestou que “son tempos de treboada e temos que estar á altura”. “Fronte ao desmantelamento do noso tecido industrial, unidade e solidariedade cos traballadores e as traballadoras de Alcoa. Fronte ao deterioro da sanidade pública, apoio á marea branca que se levanta en Galicia. Fronte á intemperie dos nosos maiores e das nosas maiores, loita até o final por unas pensións dignas e suficientes. Fronte á intolerancia, defensa radical das liberdades cívicas. E fronte á xenofobia e o machismo, firmeza nos valores cos que construímos unha sociedade mellor para quen virá despois de nós”, dixo. “En 2019, estou seguro, verémonos de novo aquí, a esta hora, e teremos motivos para celebrar que A Coruña segue na boa dirección”, rematou.
O acto de recepción cidadá completouse, ademais, coa entrega de premios aos e ás veciñas da cidade que gañaron o concurso de fotos para a elaboración do calendario municipal de 2019, a actuación do coro Cantabile e o brinde coa cidadanía que se achegou ate o Pazo de María Pita.