Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica propón aumentar a cobertura da Renda Social Municipal para responder á crise da COVID
Maior importe e duración, menos trabas burocráticas e facela compatible con axudas como as pensións non contributivas: este é o noso plan para unha Renda Social adaptada á crise
María García: “A pandemia está a ter un impacto tremendo en moitos fogares que aínda non se recuperaran da precariedade da crise de 2008. Pero Inés Rey non os ten na súa axenda”
A Coruña, 19 de abril de 2021.- A voceira da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Silvia Cameán presentaron hoxe en rolda de prensa unha proposta para ampliar a cobertura da Renda Social Municipal, adaptándoa as necesidades que nos deixa a pandemia, simplificando trámites e procurando que chegue a máis persoas. Detallaron así unha das propostas que o noso grupo realizou para o novo plan de choque do Concello da Coruña, o Presco 2021, do que lamentablemente non se sabe nada a 19 de abril. Ante o aumento da desigualdade e os indicadores de pobreza, suxerimos facer a Renda Social compatible con outras axudas como as pensións non contributivas, aumentar a súa contía, e minimizar a carga administrativa.
“A crise derivada da COVID19 medra cada día, cun impacto demoledor entre moitos fogares que non se recuperaran da precariedade que deixou a crise de 2008. A Renda Social Municipal pode darlles a axuda que precisan, por iso lle pedimos a Inés Rey que amose empatía con quen máis a necesita e atenda a nosa proposta”, sinalou María García.
Pola súa banda, Cameán lembrou que a Renda Social Municipal foi creada polo goberno de Xulio Ferreiro en 2016 e que ata 2019 axudou a un total de 1.030 persoas que non tiñan dereito a outras prestacións. “Foi medrando ano tras ano ata 2020, xusto cando nos golpeou a pandemia, o goberno de Inés Rey baixou un 10% a execución deste programa. Se no 2019 chegaron a investirse o 96% dos fondos, en 2020 quedamos no 86%. Coincide co baixo dato de execución de toda a Área de Benestar Social, un 67%, o peor en décadas”.
Por iso, puxemos sobre a mesa estas cinco medidas para ampliar a cobertura da Renda Social Municipal nestes momentos de emerxencia:
- Aumentar a contía, ata superar o limiar da pobreza, que se sitúa en 765 euros na cidade da Coruña. Hoxe, a Renda Social Municipal chega ata os 564 actuais fixados polo IPREM, un indicador que o Estado aínda non actualizou este ano.
- Aumentar a duración de 18 a 24 meses, puidendo renovarse aos dous meses se a situación de exclusión social non mellora.
- Maior compatibilidade con outras prestacións, como as pensións non contributivas ou as axudas de emerxencia social.
- Simplificar os trámites, aceptando unha declaración responsable e autorizando ao Concello a comprobar os datos necesarios, e eliminado consultas previas innecesarias.
- Beneficiar a novos perfís: Complementar as bolsas comedor coa Renda Social Municipal, para loitar contra a pobreza infantil. Do mesmo xeito, completar as pensións non contributivas que non cheguen ao importe mínimo da RSM para coidar das nosas maiores.
A maiores, debería garantirse a Renda Social como un dereito social, facendo incondicional o seu cobro e desvinculándoo da obriga de cumprir cun itinerario de inserción social. O itinerario pode manterse, se a persoa quere e como acompañamento en casos nos que sexa necesario pero en ningún caso poderá xustificar a perda da axuda".
“Nun ano de mandato, a Marea Atlántica creou unha nova prestación que lle deu unha oportunidade a moita xente. En dous anos, o PSOE nin sequera foi capaz de mellorar as que existen, están a dar pasos atrás nos avances acadados durante o anterior mandato, amosando unha falta absoluta de iniciativa e valentía nas políticas sociais", resumiu Cameán.
Os fogares en risco de pobreza aumentaron un 5%
Os datos sobre a pobreza e a desigualdade na Coruña son moi preocupantes. Segundo o Instituto Galego de Estatística, no primeiro trimestre de 2021 a taxa de fogares con dificultade para chegar a fin de mes aumentou en 5,7 puntos.
A comezos deste ano, desapareceron 1.120 empresas dos rexistros da Seguridade Social na provincia da Coruña, as persianas seguen baixando cada día e mesmo multinacionais con beneficios millonarios, como Repsol ou Alcoa escollen despedir e desmantelar. Neste contexto, queremos trasladarlle todo o noso apoio ás vítimas da desindustrialización, ás familias vulnerables e tamén aos sectores a quen máis lles pesan ás restricións sanitarias, o comercio, a cultura e, sobre todo, a hostalería.
En palabras de María García: “Levamos meses avisando, e lanzando propostas de acción urxente no Concello da Coruña”. As nosas iniciativas para o Presco 2021 se centraban, precisamente, en axudar aló onde a crise está a golpear máis forte, axudando aos sectores económicos que máis o precisan, fomentando o emprego, a xustiza social e o dereito á vivenda. “Pero tememos que estes asuntos non están na axenda da alcaldesa. Por iso a 19 de abril seguimos sen este plan de choque prometido en xaneiro, sen Orzamentos e sen convenios coas entidades sociais
Ante esta situación, a nosa portavoz rematou pedíndolle á alcaldesa “que escoite, xa non á Marea Atlántica, a toda a oposición que lle tende a man e á xente que o está a pasar mal. Moitas persoas precisan axuda do seu concello” .