Alu Ibérica
Jorquera pídelle ao goberno local que apoie os traballadores de Alu Ibérica
A fábrica, propiedade da multinacional Alcoa ata hai pouco, afronta o pago de indemnizacións por valor de case 70 millóns de euros e a recolocación do seu cadro de persoal en futuros proxectos industriais.
Jorquera levará a situación dos traballadores de Alu Ibérica ao Pleno do Concello, que terá lugar o vindeiro 13 de abril, a través dunha pregunta oral ao Executivo coruñés. A cuestión atinxe a actuación do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) para adiantar o diñeiro das indemnizacións, así como ao compromiso da Xunta de facilitar a recolocación dos traballadores.
"A venda destas factorías a Parter Capital foi tutelada e saudada polo Ministerio de Industria, co visto e prace da Xunta", lembrou Jorquera, quen tamén defendeu que calquera operación de venda dos activos de Alu Ibérica ten que estar condicionada a que se salde a débeda cos traballadores. "Caso contrario, os traballadores estarían sendo usados como financiadores do futuro comprador a costa das percepcións ás que teñen dereito", engadiu.
A situación dos traballadores de Alu Ibérica está a provocar un gran malestar social na Coruña, onde a falta de solucións para a planta industrial, que durante anos foi unha fonte de emprego estable, está a causar preocupación.