BNG | nota de prensa
Luz verde do pleno ás mocións do BNG sobre a ocupación ilegal e violenta de Palavea, as residencias de maiores e a situación de Alcoa-Alu Ibérica
As tres mocións que o BNG someteu á consideración do Pleno do Concello este xoves 2 de xullo obtiveron o apoio maioritario da Corporación.
A Coruña, a 2 de xullo de 2020. A primeira das iniciativas en ser debatida xirou arredor da ocupación ilegal de vivendas en Palavea por parte dun grupo violento que está a intimidar a veciñanza. Foi defendida por Francisco Jorquera e foi aprobada por unanimidade.
A segunda moción trasladouna ao Pleno Avia Veira e con ela o BNG procuraba o apoio da Corporación para que se investigase a xestión das residencias de maiores durante a pandemia. Foi votada favorabelmente por PSOE, Marea Atlántica e Grupo Mixto contou coa abstención do partido que dá soporte ao Goberno Feixóo, o PP.
A terceira e última das mocións versaba sobre a situación da planta de Aluminio de Alcoa en San Cibrao e sobre as fatais consecuencias que do seu peche se poderían derivar para a factoría coruñesa de Alu Ibérica. Defendeuna o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, e saíu adiante cos votos afirmativos da Marea Atlántica e o PSOE e a abstención de PP e Grupo Mixto.
Moción sobre a ocupación ilegal dos bloques de vivendas Epamar en Palavea
Precisou Jorquera que en Palavea non estamos perante unha manifestación máis do fenómeno okupa –un movemento que se explica polo grave problema social da non satisfacción do dereito á vivenda-, senón ante “un grave problema de orde pública”.
“A reivindicación do dereito á vivenda non pode servir de coartada a prácticas usurpadoras, vandálicas e violentas”, dixo Jorquera na súa intervención. “A propia veciñanza de Palavea”, estendeuse, “diferencia entre actos que non teñen outra finalidade que desfrutar dun dereito básico como o é o dereito á vivenda deste tipo de comportamentos”.
Ou sexa, non estamos perante okupas, estamos perante un “grupo violento de comportamento mafioso” que se apropia das vivendas “para despois cobrar polo seu arrendamento” ou “piratean a electricidade” para logo se lucrar “pola prestación deste servizo”. E hai máis: “Houbo casos de malos tratos e agresións sexuais e os bombeiros tiveron que acudir en varias ocasións por inundacións ou lumes nas vivendas”. “A todo isto”, engadiu, “hai que sumar o tráfico de drogas, as liortas, os balbordos nocturnos, os estragos no mobiliario urbano”.
Ante esta situación, Jorquera instou o Goberno Local a que adopte “medidas urxentes” para evitar que “Palavea se converta nun polvorín”. Na moción, o BNG empraza o executivo coruñés a que, entre outras cousas, demande da SAREB, titular da maioría das vivendas ocupadas por este grupo violento, que as ceda ao Concello da Coruña para a súa transformación en vivendas sociais. Demanda tamén a formación nacionalista que se reforce a vixilancia por parte da Policía Local e que se fagan xestións perante a Consellaría de Política Social para prestar atención “as e os menores residentes nestas vivendas co obxecto de asegurar a súa protección”.
Moción sobre as residencias de maiores
Que o Concello se dirixa ao Parlamento galego para que no seu seo se constitúa unha Comisión de Investigación sobre a xestión nas residencias da Terceira Idade dos contaxios e falecementos por mor da crise da Covid-19. Iso é o que pide o BNG a través desta moción que foi defendida no Pleno por Avia Veira.
“Desde que Feijóo é presidente non se ten creado nin unha soa nova praza en ningunha residencia de xestión pública directa”, subliñou na súa intervención Avia Veira, quen deitou sobre a mesa outros datos clarificadores: a día de hoxe 77 por cento das prazas en residencia son xestionadas polo sector privado e en 2015 o Consello de Contas xa alertara das deficiencias observadas nos centros privados, entre elas a redución nun 7,1 por cento dos gastos de persoal, o que obviamente resulta nunha menor calidade na prestación do servizo ás persoas usuarias.
A Xunta non moveu un dedo durante os anos de goberno Feijóo polas residencias públicas e mesmo así, salientou Veira, son estes centros os que mellor resistiron o embate da Covid-19. “Arredor do 45% das mortes en Galiza foron en residencias, pois ben, desa percentaxe 98% dos falecimetnos producíronse en centros privados”, alegou a concelleira nacionalista.
Veira criticou que a Xunta carecera de “falta de vontade e de determinación” e, por tanto, se abstivera de “intervir e proceder á medicalización total das residencias que presentaron brotes de Covid-19 desde un primeiro momento”.
Mencionou a edil soberanista que desde Rede, a Asociación de Usuarios e Familiares das Residencias, se ten denunciado con moita enerxencia a falta de transparencia por parte destes centros privados, “sen informar adecuadamente” do que acontecía no seu interior nin as familias nin a poboación en xeral.
Coa moción, subliñou Veira, o BNG demandaba, singularmente tamén, que a próxima residencia que se constrúa na cidade sexa pública e de xestión directa por parte da Xunta de Galiza.
Moción sobre Alcoa e Alú Ibérica
O contexto en que se produce o debate desta moción –a favor da nacionalización de Alcoa, o establecimento da Tarifa Eléctrica Galega e a posta en marcha do Estatuto do Consumidor Electrointensivo- vén marcado, en parte a consecuencia da pandemia, pola caída da produción industrial galega, superior en 8 puntos á media estatal.
Ese contexto pode ir a peor se se consumar o peche da planta de Alcoa en San Cibrao. “Esa industria por si soa representa 30 por cento do PIB da provincia de Lugo”, ilustrou Jorquera para a seguir esclarecer que con esta iniciativa o BNG diríxese á Xunta, mais tamén ao Goberno estatal. “Ao Goberno central, porque nel residen as competencias sobre as medidas que se propoñen. E á Xunta de Galiza, porque ten competencias exclusivas en materia de política industrial”, explicou o portavoz nacionalista.
Así as cousas, o que non cabe é a inacción. O que cómpre é ter determinación para resolver o problema de raíz. E o BNG pon sobre a mesa tres medidas concretas: unha solución definitiva para a industria electrointensiva a través do estatuto do grande consumidor, a intervención de Alcoa para a retornar ao ámbito público e a implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega.
A nacionalización de Alcoa non só a propón o BNG, senón que tamén a piden os traballadores. “Alcoa pertencía a Inespal, unha empresa pública que daba importantes beneficios, e que pouco menos que foi regalada a Alcoa polo Goberno Aznar porque, aínda que foi vendida por 410 millóns de dólares, esta operación foi acompañada dunha serie de compensacións e axudas públicas que fixo que, na práctica, se vendese a prezo de saldo”, relatou Jorquera, quen enfatizou que “se Alcoa incumpriu os compromisos derivados daquel agasallo é lóxico que o Estado interveña” e que o faga “como o están a facer moitos estados europeos, para evitar que a crise provocada polo coronavirus cause a quebra de empresas estratéxicas”.
Nada do que propón o BNG, remarcou Jorquera, é tecnica ou legalmente inviábel. O único que fai falta para o materializar –e dese xeito salvar Alcoa e impedir que a caída da planta de San Cibrao arrastre a factoría coruñesa de Alu Ibérica- é “vontade política”, concluíu o portavoz do BNG.