Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica vota en contra do recorte de 700.000 euros na actividade cultural do IMCE
Lamentamos a actitude autoritaria do goberno municipal, que tentou silenciar a crítica política do noso grupo. En protesta, abandonamos temporalmente o Pleno
Martínez reclamou, de novo, un Plan de Choque Cultural para protexer a actividade económica neste eido, “que contaría con votos suficientes na banda esquerda do Pleno”, pero en lugar diso o PSOE preferiu o aplauso do PP e a antiga concelleira de Ciudadanos, que non consideran que a cultura sexa unha prioridade.
Engadiu que “o que o señor José Manuel Lage trae hoxe a este Pleno é unha proposta unilateral que, diga o que diga a propaganda, nin é de trámite nin é obrigada. Non o é porque con este modificativo de crédito o goberno do señor Lage Tuñas nos pide que lle deamos o visto bo á legalización de oito facturas irregulares, que é como lle chaman vostedes ao recoñecemento extraxudicial de crédito cando gobernan outros. E non é de trámite porque se nos pide o noso consentimento para reforzar con 120.000 euros partidas que esgotaron, polo que parece, en catro meses. Curioso, señor Lage, porque o estado de execución a 1 de xuño no IMCE é do 21,6%. Ten que ser mala planificación, non hai outra maneira de explicalo”.
Neste sentido, o concelleiro criticou tamén a “penosa xestión en materia cultural deste goberno”, que se nega a falar cos diferentes colectivos e asociacións. Engadiu, en ton humorístico, que a área de Cultura está en mans dunha “UTE
Borrego-Celemín ou Sobral-Celemín ou Borrego-Sobral-Celemín, ou como queira que sexa, que eu nisto estou tan perdido coma calquera profesional da cultura desta cidade”, unha referencia ao confuso e ineficaz reparto de competencias.
Persecución da crítica e actitude autoritaria
Dende o grupo do PSOE recibiron estas críticas, lexítimas dentro do debate político, cunha teatralización desmesurada, chegando a ameazar con acudir ao xulgado por calumnias. Na seguinte quenda de intervencións, o concelleiro Xiao Varela lamentou esta falta de cultura democrática, pediu que non se confundise a discrepancia cos ataques persoais e lembrou que “eu, como Alberto Lema e Claudia Delso chegamos a ser reprobados por verdadeiras calumnias, que logo a Xustiza demostrou que non tiñan fundamento”.
A reacción da alcaldesa cando Xiao Varela esgotou o seu tempo de palabra foi unha falta de respecto, nun ton que non empregou con ningunha outra persoa na Corporación, e negándolle o dereito a réplica. Ante esta demostración de autoridade mal exercida, as concelleiras da Marea Atlántica abandonaron o Pleno temporalmente.
Máis adiante, Alberto Lema, asegurou que “non van atopar nin silencio nin división na Marea Atlántica. Aínda que non lles guste, seguiremos a sinalar os problemas que atopemos. E pedímoslles que non simulen ofensas para evitar falar do que importa. Por exemplo, de que nestas datas só levan executado o 3,2% dos investimentos previstos para este ano”.
Censura aos representantes da Asociación Veciñal do Castrillón
Lamentablemente, a actitude autoritaria deste goberno tamén afectou aos representantes da Asociación Veciñal do Castrillón - IAR - Urbanización Soto, que acudiron ao Pleno para asistir ás interpelacións ao goberno municipal sobre o peche da principal oficina de Abanca no seu barrio, despois de que as súas peticións de entrevista coa alcaldesa non fosen escoitadas. Sacaron uns carteis de pequeno tamaño desde a tribuna do público, coas súas reivindicacións, e foron amonestados por Inés Rey e identificados pola policía local.
Denunciamos esta actitude, que é pouco compatible cun goberno democrático, e que contrasta co mandato de Xulio Ferreiro. Daquela todas as reivindicacións e pancartas, mesmo as críticas coa xestión da Marea Atlántica, eran benvidas no Pazo de María Pita, a casa de toda a veciñanza coruñesa.
Pactos pola banda dereita do Pleno
Nesta sesión do Pleno vimos tamén o sorprendente entendemento do PP e o PSOE en cuestións ben sensibles. En primeiro lugar, pactaron unha emenda á moción da Marea Atlántica na que se reclamaba unha oficina administrativa par axudar a tramitar as solicitudes do Ingreso Mínimo Vital, como a que xa existe en Sada, ao igual que a mellora da pioneira Renda Social Municipal para chegar a máis familias. Coa emenda PP-PSOE, estas demandas caeron, deixando o texto en pouco máis que un brinde ao Sol, e a única solución que ofreceu a concelleira de Servizos Sociais, Yoya Neira, foi cargar aínda máis de traballo ao persoal da súa área. Unha moi mala idea.
En contrapartida o PSOE votou a favor dunha moción do PP contraria á remunicipalización do servizo de bibliotecas, completamente contraria ao acordado tanto coa Marea Atlántica como co Bloque Nacionalista Galego. O incumprimento parece ser un signo deste goberno.
As outras dúas mocións da Marea Atlántica, que reclamaban unha saída verde á crise da COVID19, e unha decidida aposta pública por reforzar os servizos sanitarios e sociosanitarios, si foron aprobadas pola maioría do Pleno. So o PP, máis partidario da privatización e a sobrexplotación do medio, evitou votar a favor.
Doutra banda, o Pleno tamén aprobou, por unanimidade, o Plan Local Protección da Ribeira do Mar contra a Contaminación que, como lembrou a nosa voceira, María García, “é o primeiro protocolo anticontaminación no mar desta cidade, e foi un documento elaborado pola Marea Atlántica. De feito, nin sequera o actualizaron para incluír a declaración de ENIL da contorna da Torre”.