Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica aposta por que a Medusa quede instalada nos peiraos
A Coruña, 12 de febreiro de 2022.- A Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno na que a situación da Medusa, a cúpula instalada no peirao do Centenario para as descargas de carbón. Tras coñecerse esta semana a fin da concesión en mans da empresa Naturgy (antes Unión Fenosa), abriuse o debate sobre que facer cunha estrutura que xa forma parte do patrimonio industrial da Coruña.
Neste sentido, desde a Marea Atlántica apostamos por manter a Medusa dentro dos terreos portuarios. Se non é posible conservala no peirao do Centenario por ser un problema para a descarga de contedores, como asegura a Autoridade Portuaria, debería trasladarse a algúns dos terreos que queden liberados co traslado da actividade a Punta Langosteira, como acontecerá nos vindeiros anos. A cúpula está vinculada ao mar e ao porto coruñés, forma parte da sua paisaxe, e nesa zona debería quedar.
Cómpre lembrar que no concurso de ideas para o futuro dos peiraos, organizado polo goberno de Xulio Ferreiro en 2018, todas as propostas gañadoras defendían a continuidade da Medusa dentro do ámbito portuario, aínda que con distintas alternativas para darlle uso. Estes proxectos foron seleccionados por un xurado plural, no que estiveron representados todos os grupos políticos do Concello, a Autoridade Portuaria, Puertos del Estado, a Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña, colexios profesionais e profesionais de prestixio. E sentaron as bases dun consenso que debería respectarse.
Polo tanto, desde a Marea Atlántica apostamos por manter a Medusa no porto, o lugar para o que foi deseñada, e a destinala a un uso público e multidisciplinar, que debería consensuarse coa veciñanza.