Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica compromete o seu apoio a calquera solución que garanta o pago dos salarios nas bibliotecas municipais
- Iago Martínez: “Non se pode consentir que haxa bibliotecas nas que se cobra o soldo, as de xestión pública, e outras nas que non, as de xestión privada”
- As tres mocións da Marea Atlántica foron aprobadas no Pleno de hoxe, dúas delas por unanimidade
A Marea Atlántica comprometeu no Pleno do Concello da Coruña, o seu apoio a calquera medida que resolva a urxente e insostible situación na que se atopan as 75 persoas que traballan nas seis bibliotecas municipais que están en mans da empresa LTM: aínda non cobraron a paga extra de xuño e no saben se cobrarán o soldo o mes que vén. O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, sinalou que non abandonamos a aposta pola remunicipalización que se realizou no mandato de Xulio Ferreiro, pero priorizaremos garantir o pago dos salarios.
Martínez saudou ás traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais “tanto a quen puido concentrarse hoxe en María Pita como a quen tivo que cumprir cos servizos mínimos decretados polo goberno local, e que os sindicatos consideran abusivos”. O concelleiro reclamou “que non se aproveite o problema das bibliotecas para intoxicar, coma vimos no pasado mandato, e que ofrezamos solucións con claridade, especialmente o goberno. Cando alguén está pendente de cobrar o seu salario, o que precisa son certezas, non promesas”.
Finalmente, o noso vicevoceiro insistiu en que, alén da emerxencia actual, causada por un contrato outorgado neste mandato e no que só se tivo en conta a oferta económica da empresa, a única solución definitiva para a desigualdade é a municipalización: “Non se pode consentir que haxa bibliotecas nas que se cobra o soldo, as de xestión pública, e outras nas que non se cobra, as de xestión privada”. Por iso, desde a Marea Atlántica ofrecémoslle á alcaldesa os nosos votos para afrontar unha remunicipalización plena do servizo de bibliotecas, ata o último día do mandato. Non votaremos en contra, como fixeron o PSOE e o PP, e non nos absteremos, como fixo no seu día o BNG. Defendémolo no goberno de Xulio Ferreiro, defendémolo hoxe no debate da moción do PP sobre a situación actual, cunha emenda rexeitada polo resto dos grupos, e defenderémolo no futuro.
Novas medidas para a política cultural
O Pleno aprobou hoxe, grazas aos votos da Marea Atlántica, unha incorporación de 820.000 euros de remanentes ao orzamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), dos que 700.000 destinaranse a reforzar a programación deste ano. Forma parte dun acordo que permitiu desbloquear tres políticas culturais de proximidade, que xa se inclúen nos Orzamentos 2022 e que se porán en marcha este mes.
Iago Martínez explicou que “unha parte deste incremento de fondos ao IMCE é necesaria pola suba xeneralizada de prezos e pola sobreabundancia de festivais tras a pandemia, pero outra só pode atribuírse á tendencia deste goberno a centrarse nos grandes eventos, con gastos fóra de toda racionalidade, como xa temos denunciado no caso do Morriña Fest”. Neste sentido, reclamou que se algún evento merece ser potenciado, e o Festival Noroeste, do que aínda non se sabe nada, e que “conseguiu facer da Coruña unha referencia, ao ser unha actividade con valores, con artistas locais, singular e capaz de converter a cidade nun escenario durante varios días”.
Desde a Marea Atlántica, procuramos contestar esta tendencia con tres políticas culturais de proximidade: a constitución do Consello Municipal da Cultura, a nova convocatoria de axudas á creación (mellorando a anterior con maior contía e trámites máis sinxelos) e a posta en marcha dun programa de residencias artísticas en espazos municipais. “Non son as únicas medidas acordadas en materia cultural, agardamos que tampouco sexan as últimas en facerse realidade”, sinalou o noso vicevoceiro.
Non esquecemos a Samuel
Doutra banda, resultou aprobada por unanimidade a nosa moción en apoio aos dereitos LGBTQI+, que reclama unha homenaxe institucional a Samuel Luiz Muñiz no cabodano do seu asasinato, que se cumpra o compromiso de nomear a Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye como Fillos Adoptivos da Coruña. Pídese tamén un reforzo das políticas municipais pola diversidade, e incorporouse unha emenda do BNG para ampliar a proposta.
Claudia Delso lamentou que un ano despois do brutal asasinato homófobo de Samuel, nada mudou: “Non hai novas campañas de educación ou concienciación e visibilidade, mantense un diálogo desigual coas entidades LGBTQI+, o Espazo Diverso, que naceu no pasado mandato, atópase desactivado e infrautilizado… Como é posible?”. Por iso, instou ao goberno local a mudar a actitude e escoitar as propostas que se inclúen na nosa moción de hoxe.
Delso advertiu de que “estamos ante un aumento dos discursos de odio en todo o mundo, alimentados por unha internacional reaccionaria, un odio que se convirte en delitos e agresións, contra persoas LGBTQI+, racializadas ou migrantes. E fronte a iso, temos que ser quen de constituír alianzas amplas”.
O masacre en Melilla debe investigarse
Recibiu o mesmo apoio unánime do Pleno a nosa moción para denunciar o masacre acontecido na fronteira de Melilla o pasado 24 de xuño, na que polo menos 37 persoas morreron violentamente nunha operación da policía marroquí apoiada polas autoridades españolas. Alberto Lema defendeu esta proposta lembrando que "eran persoas que viñan fuxindo da guerra en Sudán, para salvar a vida, e negóuselles o dereito de asilo. Foron expulsadas en quente, no réxime de permanente excepción que impera na fronteira sur española".
Por iso, reclamamos que se investigue o acontecido en Melilla, e que se asuman responsabilidades políticas por unha actuación que non pode branquearse, na que non se respectaron os dereitos humanos máis básicos, e na que as imaxes amosan denegación de axuda e un trato vexatorio racista e completamente inxustificable.
Oito horas de gratuidade nas escolas infantís municipais
Tamén foi aprobada a terceira das mocións presentadas polo noso grupo, reclamando que se amplíe a atención gratuíta nas escolas infantís municipais das seis horas actuais ata as oito que a Xunta de Galicia está a subvencionar agora en centros públicos e privados. Neste caso, foi apoiada por todos os grupos agás o PP, que se negou a apoiala.
A concelleira Silvia Cameán lembrou que o Concello da Coruña foi pioneiro en ofrecer de balde a educación infantil, aprobada en 2020 grazas a un acordo de investidura entre a Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE: “A etapa educativa de cero a tres anos non é obrigatoria, pero é imprescindible. A educación infantil pública e gratuíta exerce un poder transformador, tal e como recollen diversos informes como os de Intermon Oxfam. Debe ser accesible para todos os petos”.
Resulta absurdo, cando menos, que a Xunta estea disposta a subvencionar oito horas de balde nunha escola infantil privada, pero poña dificultades a colaborar co Concello da Coruña para ampliar o servizo na rede municipal. Neste sentido, Cameán engadiu que “temos que darlle a benvida a Xunta de Galicia a esta medida que foi pioneira na Coruña e pedímoslles a Xunta e Concello que se coordinen para garantir que a rede municipal e autonómica oferten o mesmo número de horas gratuítas. Igualmente pedimos que nos pregos da licitación en curso teñan máis peso os criterios de adxudicación relativos ao programa ao educativo e non tanto aos económicos e solicitamos que se incorporen melloras nas condicións laborais das traballadoras”.