BNG | nota de prensa
Lage anuncia un estudo para a unificación da rede das bibliotecas, mais a iso xa se comprometeu o psoe en 2019 ao asinar o acordo de investidura co BNG
“Saudamos os anuncios de medidas para obrigar a concesionaria a pagar os salarios ás bibliotecarias, mais saudaremos moito máis cando as palabras se convertan en feitos”, afirma Avia Veira
- O portavoz do Goberno Local revela que si hai un Acordo Extraxudicial co Estado polo antigo cárcere, aínda que está pendente a súa sinatura
- A concelleira de Medio Ambiente admite que a situación da limpeza na cidade é “mellorábel”
A Coruña, a 7 de xullo de 2022. O portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, anunciou durante a sesión vespertina do Pleno de xullo que o Executivo coruñés vai encargar un informe para estudar a unificación da rede das bibliotecas municipais –unha parte delas son xestionadas de forma directa, a outra están concesionadas a unha empresa privada.
Mais a iso xa se comprometeu o PSOE en 2019 cando asinou co BNG o Acordo de Investidura de Inés Rey, remarcou na súa intervención perante o Pleno Avia Veira. En concreto, o texto pactado por ambas formacións políticas rezaba así: “Darlle a mellor solución legal e laboral posíbel, no primeiro ano de mandato, á situación do persoal das bibliotecas, co obxectivo de unificar a rede através da xestión directa”.
“E nin mellor solución, nin primeiro ano de mandato, nin obxectivo de unificar a rede, nin xestión directa. Incumprírono todo”, denunciou Veira.
Lage anunciou tamén que se a empresa non paga a extra antes das 14 horas de mañá venres o Concello iniciará un procedemento sancionador contra ela. Se a concesionaria reiterar os incumprimentos das súas obrigas coas bibliotecarias, o Goberno Local rescindiría o seu contrato, sinalou Lage.
“Saudamos os anuncios destas medidas, mais as saudaremos moito máis cando as palabras se convertan en feitos”, remarcou Veira, quen puxo a énfase en que foi preciso que as bibliotecarias convocasen e protagonizasen unha folga para o Goberno Local comezar a moverse.
A edil nacionalista criticou tamén os servizos mínimos impostos por un decreto da alcaldesa. Xúlgaos excesivos e dirixidos a “intentar diluír os efectos da folga”, censurou.
Lage deslizou que a concesionaria podería estar a xogar co conflito laboral para obter un maior financiamento do contrato por parte do Concello. Negou que iso fose necesario porque o contrato é suficiente e porque o Concello está a cumprir coas súas obrigas de pagamento á concesionaria.
Veira rendeu tributo ás bibliotecarias pola súa loita. “Están a recibir o apoio inconmensurábel das usuarias. As traballadoras das bibliotecas tecen co seu traballo sociedade, manteñen viva e accesíbel a cultura nos barrios”, destacou.
O misterio do Acordo Extraxudicial
A pregunta de Avia Veira ao Goberno Local sobre o Acordo Extraxudicial entre o Executivo coruñés e a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEPSE), titular do antigo cárcere provincial, deitou algo de luz sobre un asunto até agora misterioso.
O BNG fixera dúas peticións por escrito para ter acceso a un Acordo Extraxudicial do que tivo coñecemento a través de informacións xornalísticas. Ese Acordo apareceu en público na web de SIEPSE en relación á contratación dun servizo de vixilancia para a cadea, mais o Goberno Local, en resposta ao BNG, afirmaba que non lle coñecía a existencia de pacto ningún entre a administración local e estatal.
“O Goberno Local si chega a acordos extraxudiciais para solventar problemas que foron herdados. Veremos agora que pasos cómpre dar. Para os cales si que imos necesitar a súa axuda”, díxolle Lage a Veira.
Por tanto, o Goberno Local si recoñece agora oralmente a existencia dese Acordo Extraxudicial que, en todo caso, dixo Lage con certa dose de ambigüidade, talvez aínda non teña sido asinado.
O Acordo Extraxudicial consistiría en que o Concello tenta pagar ao Estado unha cantidade inferior á que vén marcada (1,2 millóns de euros) polo convenio asinado en 2005 polo Goberno Local daquela presidido por Francisco Váquez e a Administración central.
Lage dixo que, en función da sentenza do Tribunal Supremo contraria ao recurso de casación interposto polo Concello durante a etapa do goberno de Carlos Negreira, esa cantidade hoxe sería maior, xa que habería que lle sumar os xuros derivados da demora.
“Procuramos un Acordo Extraxudicial que permita que o Concello teña que pagar algo menos daquilo que lle correspondería en función da sentenza”, sinalou.
O BNG non pode estar de acordo con esta solución, pois o cárcere ten que volver ao patrimonio municipal de balde, pois foi construído sobre terreos do Concello e cedidos por este en 1925 para usos exclusivamente penitenciarios. “E, por suposto, o inmóbel ten que ser restaurado con fondos do Estado, responsábel do seu lamentábel estado de abandono”, subliñou Veira.
A situación da limpeza
O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, deu traslado ao Pleno de numerosas queixas veciñais sobre a falta de limpeza que é palpábel na cidade.
“A situación é mellorábel”, admitiu a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán. “Por utilizar unha frase, a cidade está máis limpa que onte, pero menos que mañá”, engadiu, ao tempo que lle asegurou a Jorquera que “este Goberno Local controla de perto o cumprimento das cláusulas técnicas dos contratos do servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo”.
Jorquera lamentou que nestes tres anos de mandato se desaproveitara a ocasión para “introducir melloras substanciais na limpeza e recollida de lixo” e mesmo para “mudar o modelo de xestión, abordando todo o relativo ao ciclo do lixo de xeito integral en vez de o fraccionar en distintos contratos”.
E no mesmo sentido, remarcou que “continuamos a agardar polo novo contrato do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos, pois a concesión actual caducou ao remate de 2019”.