Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica convida ao PSOE a convocar canto antes a comisión de seguimento dos acordos de xullo
"O cumprimento do pacto que asinamos para estes primeiros meses do mandato acumula algúns atrasos, polo que se fai necesario apurar os compromisos"
Tampouco comezou aínda o cambio do regulamento para facer gratuítas as escolas infantís a partir do vindeiro curso, aínda que o pacto sinala que debía terse feito en outubro. Este mes, o ensino de 0-3 anos deixou a área de Servizos Sociais, totalmente colapsada, e pasou á de Educación. Agardamos que o cambio sirva para acelerar este compromiso.
Bótanse en falta avances nas medidas para protexer as vivendas de Elviña ante a urbanización do Ofimático. E segue pendente a creación dunha bolsa de vivendas en alugueiro social dentro da empresa municipal EMVSA, así como o plan de emprego Coruña Suma. Do mesmo xeito, non se constituíron os grupos de traballo para a recuperación do bordo litoral, nin para estudar as novas bonificacións no billete do bus para maiores de 65 e menores de 25 anos, previstas ambas para outubro.
Houbo, é xusto recoñecelo, avances nas medidas que se recollen no pacto. O máis significativo, a aprobación no Pleno do proceso para impulsar a creación da Área Metropolitana da Coruña, o día 3 de outubro. Nesa mesma sesión, e tamén en cumprimento dos acordos, aprobouse de xeito definitivo a pioneira Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña.
O inminente inicio da obra para desmantelar o viaduto da rolda de Nelle --que xa contaba con orzamento reservado este ano--, ou a continuidade do proxecto Bosques da Coruña tamén se contan entre os termos do acordo que se están a respectar.
Traballando desde a confianza e o entendemento mutuo foi posible pechar en outubro un acordo para mudar as ordenanzas fiscais do Concello e facelas máis xustas e progresivas. Pero a confianza hai que coidala co cumprimento dos acordos asinados.