Marea Atlántica | Nota de prensa

A Marea Atlántica convoca a Comisión de Transparencia municipal

O edil Iago Martínez, presidente da comisión, procurará o apoio de todos os grupos para solicitarlle ao goberno informes trimestrais sobre as políticas de transparencia, o gasto en publicidade e a contratación pública

A Marea Atlántica convoca a Comisión de Transparencia municipal
ley-de-transparencia
Transparencia

O concelleiro Iago Martínez, presidente da Comisión de Transparencia, convocará este órgano o venres ás 10.00 horas para atender as queixas dos grupos da oposición sobre a falta de rigor e celeridade na información que lles traslada o goberno municipal, tanto nas preguntas escritas do Pleno como no acceso a expedientes. Ante esta situación, e tras unha rolda de conversas con todos os grupos da Corporación, Martínez proporá un acordo para que o executivo traslade a esta comisión unha serie de informes trimestrais.

“A transparencia é unha obriga legal dos gobernos, non unha opción, pero o goberno non a está a cumprir satisfactoriamente o que prescribe o Regulamento Orgánico Municipal en canto a facilitarlle información á oposición”, sinalou Martínez. “A resposta ás preguntas escritas no Pleno está a ser imprecisa no mellor dos casos, e desde Ciudadanos tamén se trasladou hai pouco unha denuncia sobre as dificultades que se están a poñer para ter acceso aos expedientes”, lembrou.

Tres informes trimestrais

En concreto, se este acordo resulta aprobado, a Alcaldía deberá presentar cada tres meses un informe sobre as políticas de transparencia e o grao de cumprimento da normativa específica e dos indicadores de Transparencia Internacional (ITA). Tamén deberá informar sobre a contratación pública, incluída a porcentaxe de fondos destinados a cada un dos tipos de contratos previstos legalmente; e sobre o gasto en publicidade e propaganda detallando, cando menos, os gastos relacionados cos medios de comunicación.

Finalmente, a petición do PP, pediráselle ao goberno municipal datos sobre os servizos que se están a prestar sen contrato, o estado das licitacións e os prazos para adxudicalas.

A Marea Atlántica convoca a Comisión de Transparencia municipal