Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica convocará de novo a Comisión de Transparencia
Iago Martínez: “A documentación facilitada hoxe polo edil de Facenda, nunha primeira valoración, é insuficiente, pouco rigorosa e amosa a obsesión de Inés Rey por compararse con Xulio Ferreiro”
Os contratos a dedo acadaron en 2020 unha cifra récord no Concello da Coruña e suman xa 13,6 millóns de euros desde o cambio de goberno, a quinta parte en mans de vinte empresas
A Coruña, 15 de marzo de 2021.- O 18 de outubro de 2019, o goberno municipal comprometeuse na Comisión de Transparencia a presentar periodicamente informes sobre transparencia, contratación pública e publicidade institucional. Foi un acordo unánime impulsado polo presidente da Comisión, o noso vicevoceiro, Iago Martínez, que tiña que comezar a aplicarse de inmediato. Un acordo que Inés Rey está a incumprir de xeito sistemático e deliberado dende entón.
Desde aquela data, Inés Rey débelle á Corporación Municipal un informe anual sobre transparencia, correspondente a 2020, tres informes semestrais sobre publicidade institucional e catro informes trimestrais sobre contratación pública. Esta mañá o goberno presentou só unha parte da información pendente: unha auditoría sen valor oficial pagada mediante un contrato menor a comezos do mandato, unha relación de contratos sen sistematizar nin analizar e algúns datos sen base sobre publicidade institucional. Nunha primeira valoración, Martínez sinala que a documentación foi “insuficiente e pouco rigorosa”.
“Inés Rey ten verdadeiros problemas para cumprir a súa palabra e para render contas. E amosa verdadeira obsesión por compararse con Xulio Ferreiro. O seu é un goberno opaco que obstaculiza o labor da oposición, mentres afonda na recesión democrática en María Pita”, afirma Iago Martínez. A situación empeora cada día desde que incorporou ao seu equipo a unha tránsfuga, en setembro do ano pasado, e vimos un dos seus peores episodios no bloqueo ás emendas para mellorar os convenios co terceiro sector, sobre o que terá que falar a Xustiza.
Menos transparencia, máis contratos a dedo
No pasado mandato producíronse avances significativos en Transparencia, abrindo por primeira vez a Xunta de Goberno Local e outros órganos á oposición, publicando a axenda do alcalde, que agora só inclue actos pasados, e creando a web Onde van os meus impostos, que leva sen actualizarse desde 2018, o último ano completo da Marea Atlántica.
Outro exemplo da opacidade coa que actúa o goberno do PSOE é o récord histórico nos contratos menores, outorgados a dedo e sen concurso público. Desde que Inés Rey tomou posesión, non deixaron de aumentar tanto en gasto total coma en importe medio. Ata o último trimestre de 2020, asinou 4.155 contratos menores por valor de 13,6 millóns de euros.
Ademais, unha quinta parte destes millóns está concentrada en mans de tan só 20 empresas. Nalgún caso, son beneficiarias de até 80 adxudicacións en ano e medio. Coñecemos estes datos non por vontade do goberno, que non os presenta actualizados, senón porque a Lei de Transparencia obriga a presentar un informe trimestral de maneira pública.