Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica propón axilizar o Presco e amplialo ata os 25 millóns
María García: “Precisamos un plan máis xusto, transformador e eficiente. Os 13,5 millóns de 2020 quedaron curtos, con axudas sen pagar e importes moi pequenos para os sectores máis afectados pola crise”
Propoñemos ampliar e axilizar as axudas á pequena hostalería, comercio e cultura, bolsas para contratación de persoas desempregadas e para alugueiro de vivenda, reforzo dos servizos sociais e recuperación dos convenios bloqueados ilegalmente por Inés Rey
A Coruña, 16 de marzo de 2021.- A voceira da Marea Atlántica, María García, presentou hoxe en rolda de prensa as nosas propostas para mellorar o plan de choque municipal contra os efectos da pandemia, o chamado Presco, e renovalo neste 2021. Explicou que “precisamos un plan máis xusto, transformador e eficiente, un plan para rescatar A Coruña dotado con polo menos 25 millóns de euros”.
García aclarou que é unha cifra aproximada, xa que o goberno municipal segue sen dar datos dos fondos dispoñibles nin dos resultados do Presco 2020. Pero tamén é unha cifra baseada en cálculos realistas: “Os 13,5 millóns do ano pasado quedaron curtos. Seguimos con 600 axudas sen pagar por falta de fondos, e os importes que lles chegaron aos sectores afectados foron moi cativos. Tamén é necesario poñer en marcha novas liñas de axuda, aplicando o aprendido. E compensar a baixísima execución do orzamento en áreas clave, como Emprego ou Benestar Social. Por iso falamos de 25 millóns de euros”.
“Inés Rey anunciou que teriamos un novo plan de choque en decembro de 2020. E en xaneiro de 2021, e en febreiro. E estamos en marzo e segue sendo só un anuncio. Non temos nin un dato, só un documento de tres páxinas, sen cifras, que repite nun 95% o aplicado o ano pasado”, declarou María García. “A alcaldesa non fai a súa parte. Nin pechou o Presco de 2020, nin ofrece datos, nin ten propostas. Desde a oposición, nós non faltaremos á nosa responsabilidade. Estas son as nosas medidas para rescatar á Coruña”.
5+1 propostas para rescatar A Coruña
Deste xeito, a voceira da Marea Atlántica sinalou que é necesario darlle continuidade as principais medidas do Presco 2020, pero mellorándoas e axilizándoas. As axudas non poden tardar nove e dez meses en cobrarse cando son “de emerxencia”. Ademais, o Bono Cultura non pode quedar só nas librarías do centro, e os bonos de comercio e hostalería precisan unha fonda reformulación para ser eficaces, facéndoos máis flexibles en uso e importes. Tamén deben ter unha versión analóxica que facilite o seu uso.
Pero quedar niso sería desatender boa parte das novas necesidades que xurdiron na Coruña despois un ano de pandemia. Por iso, propoñemos as seguintes liñas de actuación.
1.- Inserción laboral:
- Axudas de 6.000 euros para a contratación de persoas desempregadas, con liñas especialmente destinadas á mocidade, mulleres e persoas en paro de longa duración, con salario mínimo de 1.000 euros mensuais e duración de seis meses.
- Axudas á economía social para que as persoas que quedaron sen o seu negocio ou modo de vida atopen unha segunda oportunidade.
2.- Axudas aos sectores máis afectados pola crise:
- Reforzo das axudas directas ás pequenas empresas e autónomos da hostalería, a cultura e o comercio, para pago de alugueiros e gasto corrente. Son os sectores máis afectados pola crise, e os que precisan axuda canto antes.
- Liña de rescate directa e urxente, sen as demoras da edición anterior.
- Pago adiantado do 98% da axuda en base a unha declaración responsable. Permíteo a Ordenanza de Subvencións. Xa o propuxemos en novembro, pero o goberno denegouno sen motivo.
3.- Dereitos sociais:
- Ampliar os fondos das Axudas de Emerxencia Social e modificar a ordenanza para facilitar que accedan máis persoas, deixando de tratalas como subvencións.
- Ampliar tamén a Renda Social Municipal e facela compatible coa axudas de emerxencia.
- Pechar a fenda dixital cunha liña de axudas para financiar a compra de equipos e o acceso a internet, e cunha oficina para axudar cos trámites on-line a quen teña dificultades.
4.- Dereito á vivenda:
- Convenio asociación Provivenda para a posta en marcha inmediata dunha bolsa de alugueiro social. Xa funciona en Vigo, con bo resultado.
- Ampliación do convenio con Housing First, habilitando novas vivendas para persoas en situación de rúa.
- Creación da bolsa de alugueiro pactada antes da investidura, de novo, con especial atención á mocidade.
- Axudas para gastos ordinarios de vivenda.
5.- Coidados: Recuperamos dúas iniciativas que o PSOE incumpriu en 2020:
- Reforzo do Servizo de Axuda no Fogar cun novo contrato que permitiría atender a 160 persoas máis.
- Servizo de lavandería a domicilio para maiores que alcanzaría 200 fogares. Tamén un programa de atención psicolóxica ás persoas coidadoras, para protexer a súa saúde mental.
5+1: Recuperación de todos os convenios con entidades sociais, deportivas e culturais bloqueados pola alcaldesa de xeito ilegal. 340.000 euros para apoiar o traballo que realizan aló onde non chegan as institucións.