Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica convocará a semana vindeira a Comisión de Transparencia
O goberno municipal está a incumprir os compromisos de rendemento de contas adquiridos en outubro do ano pasado co respaldo unánime dos grupos municipais
A Coruña, 6 de xuño de 2020.- O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, convocará a semana vindeira a Comisión de Transparencia, Contratación e Publicidade Institucional, organismo que preside. Así llelo comunicou esta mañá ao secretario do Concello e aos representantes dos distintos grupos municipais que integran a comisión, coa antelación suficiente para que poidan facer as súas propias contribucións á orde do día. “O goberno municipal leva doce meses tensionando o día a día en María Pita con convocatorias de urxencia e trámites extraordinarios que dificultan o traballo dos representantes e as representantes da cidadanía. O mellor xeito de esixir que cese nesta actitude é dar exemplo”, sinalou Martínez.
O pasado 18 de outubro esta comisión aprobou por unanimidade unha proposta do seu presidente que lle esixe ao goberno local unha serie de compromisos periódicos de rendemento de contas. Segundo este acordo, o concelleiro de Facenda está obrigado a fornecer a seguinte información:
Un informe anual que dea conta das políticas de transparencia e do grao de cumprimento da normativa específica e dos indicadores estabelecidos por Transparencia Internacional (ITA), para a súa discusión e traslado ao Pleno, se procede.
Un informe trimestral sobre a contratación pública no que se subministren datos estatísticos sobre a porcentaxe en volume orzamentario de contratos adxudicados en cada un dos procedementos previstos na lexislación de contratos do sector público, para a súa discusión e traslado ao Pleno, se procede.
Un informe semestral sobre o gasto en publicidade e propaganda no que se detallen, cando menos, os gastos de calquera natureza relacionados con medios de comunicación e empresas informativas, incluíndo os conceptos, informes, datas e beneficiarios, para a súa discusión e o seu traslado ao Pleno da Corporación, se procede.
A data de hoxe, transcorridos doce meses dende a investidura e case oito dende a adopción destes acordos, ningún destes informes foi presentado. “Somos comprensivos coas dificultades derivadas da xestión da crise do coronavirus, pero é tempo de cumprir os compromisos”, explica o vicevoceiro da Marea Atlántica e presidente da comisión.
Deterioro democrático no Concello
“A vulneración dos dereitos básicos dos grupos da oposición, por desgraza, esta a ser sistemática neste mandato. Estamos a atopar obstáculos de maneira reiterada para a consulta de expedientes, a participación en órganos colexiados e o acceso á información. Hai mecanismos previstos no Regulamento Orgánico Municipal (ROM), como as preguntas de resposta escrita que cada mes presentamos no Pleno, que están a perder a súa utilidade. Preocúpanos o deterioro democrático da Corporación”, conclúe.