Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica denuncia que Inés Rey premia a ADIF polo seu atraso na Intermodal con 7.500 metros cadrados máis para usos terciarios
Iago Martínez: “O goberno local incorporou ao expediente un convenio modificado con ADIF unha hora antes da Comisión de Urbanismo para que o Pleno o vote sen sabelo”
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias obtén melloras inxustificadas e o único que ofrece a cambio son atrasos e incumprimentos
O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que Inés Rey está a premiar ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), a administración máis atrasada na Intermodal da Coruña, aumentando edificabilidades e aproveitamentos. O goberno local acepta así ao ditado as peticións que a propia ADIF tiña solicitado expresamente. Ademais de 5.100 metros cadrados de aproveitamento lucrativo, tamén se lle outorgan agora un mínimo de outros 7.500 m2 (o equivalente ao 50% da edificabilidade construída da actual estación) para usos ferroviarios complementarios (en realidade terciarios, comerciais, industriais, etc), cos que facer negocio a conta dos terreos. E todo iso mediante un Convenio do cal ADIF sae claramente beneficiada, non so pola edificabilidade e aproveitamentos senón tamén polas condicións nas cesións pactadas (a dos terreos do aparcadoiro a xestionar polo concello durante 20 anos, que revertiría despois a ADIF, como tamén pola permuta cos terreos de Vio para a cesión dos terreos para a estación de autobuses.
O goberno local pretende aprobar este xoves no Pleno unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) tramitada de xeito irregular, xa que aplica as condicións cun convenio que aínda non foi formalizado. Unha “chapuza”, como a cualifica o noso vicevoceiro, Iago Martínez, que se agravou esta mañá cando, unha hora e media antes da comisión, o edil de Urbanismo incorporou ao expediente unha versión modificada do convenio coa Xunta de Galicia e ADIF “co obxectivo de que o Pleno, sen sabelo, dea conformidade a un acordo que é prexudicial tanto para o interese xeral como para o do Concello da Coruña”.
Á vista das irregularidades, agravadas pola falta de informes, esta mañá na comisión advertimos da “inseguridade xurídica” que se está a provocar, e propuxemos que o asunto quedase sobre a mesa para retomarse, máis adiante, de maneira máis rigorosa. Lamentablemente, o concelleiro decidiu seguir adiante e emendou oralmente o expediente para saír do paso e salvar o único asunto do Pleno deste xoves. “Unha chapuza nunca corrixe unha chapuza, só empeora a situación”, sentenza Martínez.
Como no caso do porto, o único argumento de Inés Rey para premiar a ADIF pola porta de atrás con maiores aproveitamentos terciarios é o financiamento da infraestrutura. “A falta de compromiso do Estado volve converterse nunha factura a pagar polos coruñeses e as coruñesas”, explica Martínez. “No litoral, coa venda de terreos para levar centos ou miles de vivendas. Na Intermodal, con actividades comerciais para ADIF”.
Curiosamente, a Administración que Inés Rey pretende premiar só ofrece a cambio atrasos e incumprimentos. En xuño de 2019, a alcaldesa e o xa xa ex-delegado do Goberno, Javier Losada, sacaron unha foto prometendo a inmediata licitación da parte ferroviaria da Intermodal, pero estamos en abril de 2021 e non houbo avance de ningún tipo. Semella difícil, por non dicir imposible, que a nova estación empece a operar neste mandato.
Nin a liquidación nin o Presco van a Pleno
Este asunto da Intermodal é, ademais, o único que Inés Rey leva ao Pleno do xoves 8 de abril. Non presentan a liquidación de 2020, a pesar do uso propagandístico dos datos que fixeron nas últimas semanas. E tampouco se sabe nada da renovación do plan de choque contra a crise derivada da pandemia, o chamado Presco, que se leva prometendo desde decembro e non pasou, por agora, de tres folios sen cifras. Mentres, segue habendo centos de axudas de 2020 sen pagar, e a cidade continúa sen uns orzamentos adaptados a 2021 por decisión unilateral do goberno.
Mentres o impacto da COVID-19 se fai sentir na cidade, cos datos do paro e de exclusión social empeorando mes tras mes, o único que ten que ofrecer Inés Rey é un convenio urbanístico para facerlle un favor ao Estado contra os intereses da Coruña. A alcaldesa non ten a cabeza onde debería tela: no ben común da veciñanza.