Servizos municipais
A Marea Atlántica denuncia que persoas usuarias do Centro Abeiro están a durmir de novo na rúa
Tras reunirse coas traballadoras e coa empresa responsable da xestión do servizo, solicitamos acceso á documentación sobre o centro para comprobar os pasos que seguiu o Concello antes de pechalo
Desde o traspaso de poderes, o goberno do PSOE tardou catro meses en valorar as ofertas dun contrato de seguridade para o Centro Abeiro, que nunca chegou a resolver, nunha mostra de desinterese por este servizo
Tampouco é certo que o goberno municipal garanta a día de hoxe a continuidade dos postos de traballo, que se atopan nunha enorme incerteza. Ante esta situación, xa solicitamos acceso ao expediente do Centro Abeiro e a toda a documentación relevante para fiscalizar os pasos que deu o goberno municipal antes de eliminar o servizo e se existiu realmente unha orde de peche por parte da Xunta de Galicia. Coa mesma intención, realizaremos unha pregunta oral no próximo Pleno.
Parálise na xestión do contrato de seguridade
Un indicio claro de que o goberno do PSOE non se preocupou pola continuidade do Centro Abeiro é a parálise que sufriu o contrato de seguridade privada para este espazo. Foi sacado a concurso polo goberno da Marea Atlántica o 6 de marzo de 2019. O 25 de maio chega a Servizos Sociais a orde de valorar as ofertas presentadas. Ante o cambio de goberno, esta información foi trasladada no traspaso de poderes.
Desde ese momento, a Concellería de Benestar Social tarda case catro meses en emitir e publicar o informe técnico de valoración de ofertas. Non retoma o proxecto ata o 5 de setembro. E nunca chegou a resolvelo, porque o 24 de outubro chegou a fulminante orde de peche do Centro Abeiro.
Na procura dunha alternativa
O Centro Abeiro funcionaba con normas de baixa esixencia, precisamente para darlle unha alternativa habitacional durante a noite ás persoas que non eran aceptadas noutros albergues da cidade. Precisamente nos que o goberno municipal di agora que buscará alternativa ás 15 prazas dispoñibles en Abeiro ata o pasado 24 de outubro. Cando menos, é unha irresponsabilidade e unha mostra de non entender o problema do senfogarismo, que deixa sen alternativa a persoas moi vulnerables xusto cando comeza a tempada de frío.
Continuaremos a facer todo o posible para recuperar este servizo, garantir unha alternativa para as persoas sen fogar e defender os postos de traballo. Farémolo por responsabilidade e por xustiza social e, unha vez máis, ofrecémoslle a nosa colaboración ao goberno municipal. Hai recursos dispoñibles para abrir un novo centro, grazas á convocatoria EIDUS de fondos europeos na que, no anterior mandato, A Coruña conseguiu 15 millóns de euros. Pero ata que non sexa posible desenvolver ese proxecto, urxe reunirse coa Xunta de Galicia e negociar unha moratoria para o peche do centro actual ou procurar con urxencia unha ubicación alternativa.
Durante dous anos o Centro Abeiro sumou máis de 5.000 pernoctas e ofreceulles unha alternativa a persoas en situación de extrema vulnerabilidade e con circunstancias persoais moi complexas. Volveriamos facelo. É o que se espera dun goberno que se pon ás persoas no centro.