Marea Atlántica | Nota de prensa | exclusión social
A Marea Atlántica lamenta que a Xunta obrigue a pechar o Centro Abeiro e insta ao goberno municipal a manter o proxecto nunha nova ubicación
É necesaria unha alternativa para o centro de baixa esixencia, que cada noite evitou que a 15 persoas durmiran na rúa, que garanta ademais o mantemento do emprego
O goberno municipal dispón de recursos para a posta en marcha doutro equipamento destas características, tal e como estaba previsto no programa EIDUS Coruña co que a Marea Atlántica acadou 15 millóns de euros de fondos europeos no pasado mandato. Pero é preciso, mentres ese proxecto non se materializa, procurar unha solución rápida e estable para as persoas que empregaban o Centro Abeiro. Urxe que o Concello e a Xunta de Galicia se reúnan e negocien, se é posible, unha moratoria que permita manter aberto o centro actual até que se atope unha alternativa.
En calquera caso, a Marea Atlántica solicitará este mesmo venres acceso ao expediente para coñecer en detalle que xestións se fixeron dende o cambio de goberno para evitar este peche.
Dous anos ofrecendo un teito
O Centro Abeiro botou a andar en 2017, coma unhas solución de baixa esixencia para as persoas sen fogar que non reunían as condicións para aloxarse en entidades coma o Fogar Sor Eusebia ou Padre Rubinos. Durante o seu funcionamento, axudou a ducias de persoas a evitar pasar a noite na rúa, ofrecéndolles un teito, alimentación e atención social. É unha iniciativa que non merece caer no esquecemento.