Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica esíxelle ao goberno local que poña freo ao incumprimento de dereitos laborais no servizo de conserxería das instalacións deportivas
Desde Alcaldía, pretende xustificarse o gasto de 400.000 euros, máis da metade dos fondos para eventos deportivos, nun único partido da selección española de fútbol cun informe dunha única páxina
A Marea Atlántica levou hoxe á Comisión de Deportes do Concello as reivindicacións do persoal de conserxería e servizos complementarios das instalacións deportivas municipais, e pediulle ao goberno local que escoite e se poña do lado dos dereitos laborais. Como xa temos denunciado, a empresa concesionaria deste servizo, Serviplus Total S.L, débelle a cada unha das persoas que integran a súa plantilla varios centos de euros das nóminas de 2021, e négase a subir o salario de 2022 ao nivel do IPC, incumprindo o contrato.
Claudia Delso, representante da Marea Atlántica na Comisión de Deportes, sinalou que “a concelleira Mónica Martínez se inhibiu en todo momento das responsabilidades da xestión derivándoas á Alcaldía, polo que lle solicitamos Inés Rey que atenda esta área no canto de deixala en mans dunha persoa á que debería cesar por transfuguismo, por orde xudicial”.
Incumprimentos desde o primeiro día a mans de Serviplus
Para Delso, “Serviplus Total incumpre as condicións do seu contrato case desde que comezou a prestar o servizo. O goberno municipal non pode mirar para outro lado ante un descolgue salarial, co que a empresa aumenta os seus beneficios recortando o adquisitivo da súa plantilla”. O certo é que a pesar das promesas, pouco se está a facer desde María Pita para plantarlle cara a empresa e poñerlle freo as súas prácticas abusivas.
A concelleira lembrou, ademais, que o contrato remata en xaneiro de 2023, polo que o goberno debería estar traballando xa na súa renovación con garantías. Agardamos que non se pretenda prolongar esta situación irregular prorrogando un contrato caducado, como é habitual na Área de Deportes neste mandato.
Sen datos sobre o impacto real do partido de España en Riazor
Entre os asuntos tratados hoxe, estivo o gasto de 400.000 euros nun único evento deportivo, o partido da selección española de fútbol en Riazor, que consumiu un só día o 41,3% dos fondos previstos para organizar eventos deportivos este ano.
O único que presentou o goberno para xustificar estas cifras foi un documento dunha páxina, encargado pola Alcaldía e completamente falto de rigor, que chega a cifrar en 141.000 euros o impacto publicitario “positivo” das novas sobre o caos que se produciu no acceso ao estadio debido a problemas organizativos. A cidadanía merece explicacións serias.
Cando abrirá o polideportivo do Castrillón?
Finalmente, tampouco se ofreceu na Comisión de Deportes informacións fiables sobre a data de apertura do polideportivo do Castrillón, a pesar de que xa está aprobada a ampliación de capital necesaria para que EMVSA poida rematar os traballos pendentes. O executivo prometeu inauguralo no primeiro semestre deste ano.
Dotar ao barrio desta infraestrutura deportiva forma parte dos acordos entre a Marea Atlántica e o goberno local para aprobar os Orzamentos 2022, e a veciñanza leva máis dunha década agardando por ela. Reclamámoslle ao executivo local que acelere o proceso o máximo posible.