Urbanismo
A Marea Atlántica fai un chamamento a protexer o litoral fronte a pelotazos como o de Percebeiras
Xiao Varela: “En pleno 2020, agardabamos outras propostas urbanísticas que non sexan construír torres de 10 e 13 alturas en primeira liña de costa”
A Marea Atlántica fai un chamamento a protexer o bordo litoral da Coruña fronte á especulación urbanística e lamenta que o único modelo do goberno municipal para afrontar a crise semella ser o de fomentar a construción a calquera prezo. Á vista das imaxes e os datos publicados hoxe na prensa para o desenvolvemento do polígono das Percebeiras, en Labañou —antes de que os recibise a oposición—, o PSOE parece disposto a repetir erros do pasado. “A proposta para Percebeiras é un auténtico pelotazo. Estase a confirmar que o modelo de cidade volve pivotar sobre o ladrillo”, declara a nosa voceira, María García.
“En pleno 2020, agardabamos outras propostas urbanísticas do Concello da Coruña que non sexan construír torres de 10 e 13 alturas en primeira liña de costa, cando o PXOM marca un máximo de oito en termos xerais”, asegura o concelleiro Xiao Varela. Lembra que, xa no mandato anterior, as promotoras de Percebeiras presentaron un proxecto similar, rexeitado pola Xunta de Galicia e que o goberno da Marea Atlántica caducou por imcumplimento de prazos.
María García engade que “é un grave erro recuperar este modelo, cuxo impacto negativo na cidade está a vista, en forma de barrios desaparecidos, déficit de zonas verdes e espazos públicos, e sentenzas xudiciais millonarias, como as de Someso, Conde de Fenosa ou Castro de Elviña. Non vemos ningún motivo para esta volta atrás”.
Falta de transparencia
Desde o Grupo Municipal da Marea Atlántica, estudaremos a fondo os expedientes relacionados co pelotazo en Percebeiras, para coñecer o caso ao detalle e compartir a información coa veciñanza. Xusto o que non está a facer o goberno municipal, que mantén opaca a súa negociación co sector inmobiliario para adaptar as normas urbanísticas ao seu gusto, baixo o enganoso nome de Mesa polo Desenvolvemento Urbano. Xa solicitamos información ao respecto e foinos denegada, pero volveremos insistir.
Desde a Marea Atlántica, tendemos a man para aprobar unha reforma do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) que reduza a edificabilidade en todo o bordo litoral da Coruña, preservando o espazo público. “Xa choveu desde que se presentou por primeira vez o plan especial das Percebeiras hai case dúas décadas e da aprobación do PXOM no 2013 que o recollía. Por fortuna, moi pouca xente cree hoxe sexa boa idea densificar o borde litoral. O Concello pode modificar o planeamento para impedilo, é o que solicitamos e para o que ofrecemos o noso apoio”, afirma Xiao Varela.
Europa marca outra liña
“Cando o Concello vai recibir ata 25 millóns de euros en fondos europeos, conseguidos polo goberno da Marea Atlántica, para fomentar políticas relacionadas coa sustentabilidade, a protección ambiental, ou a innovación, a resposta do PSOE é a de sempre, ladrillo, ladrillo e ladrillo”, argumenta María García. A liña de desenvolvemento urbano que promove Europa ten máis que ver coa creación dun operador enerxético municipal —acordo incumprido desde hai máis dun ano—, que coa construción de torres de pisos nas Percebeiras.
Nesta liña, instamos tamén ao goberno municipal a poñer o foco da recuperación económica alén da construción de vivenda nova que sairá ao mercado a uns prezos imposibles para a maioría dos petos. “Na Coruña existen xa 20.000 vivendas baleiras, moitas pendentes de rehabilitación: fomentar a súa recuperación sería un mellor foco dos esforzos e os cartos públicos”, argumenta o concelleiro.