Cultura

Borrego destaca a unión do sector para facer posible a 49 Edición da Feira do Libro

O programa este ano prescinde de presentacións pero contará con máis dun cento de sinaturas até o día 10, para o que se seguirá un protocolo estrito, co fin de garantir a máxima seguridade entre as autoras e autores e o público
Borrego destaca a unión do sector para facer posible a 49 Edición da Feira do Libro
FEIRA DO LIBRO
FEIRA DO LIBRO
30 de xullo de 2020.- O concelleiro Juan Ignacio Borrego presentou esta tarde a 49 edición da Feira do Libro da Coruña, que se inaugurará o sábado, ás 12.30 horas, nos Xardíns de Méndez Núñez. O edil explicou que haberá 16 expositores, ocupados por catro editoriais e 12 librarías, que ofrecerán as novidades literarias até o 10 de agosto nunha entrega, en que se suprimirán as presentacións, dada a situación actual. Pola contra, haberá 107 sinaturas de escritoras/es do país, para o que se seguirá un protocolo estrito establecido pola Consellería de Sanidade, co fin de garantir a máxima seguridade entre as/os autoras/es e o público.

Borrego sinalou que a realización do evento vén da unión dun sector que realizou todos os esforzos posibles para que for unha realidade: "Tamén confirma que as institucións somos conscientes de que a cultura necesita o maior dos impulsos. Todas/os sabemos que un pobo sen cultura é un pobo sen identidade". Por iso, o concelleiro falou da importancia de reactivar a industria cultural e darlles visibilidade a todas esas historias que quedaron sen seren compartidas ao longo destes meses. O edil animou a todas as coruñesas e coruñeses a daren unha volta pola feira, que este ano cambia a súa localización ao Cantón Pequeno para favorecer a distancia social, con tres casetas reservadas para sinaturas: "O sábado unha representación do sector chega aquí con toda a súa colección de volumes para manter viva esa relación tan bonita que hai entre as/os libreiros e as/os lectores, "para que entre todas e todos poidamos darlle un empurrón ao sector que nunca falla a súa cita na Coruña".

Á rolda de prensa, asistiron tamén Nani Regueira, coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia; o deputado Xurxo Couto; e o xefe territorial da Xunta na Coruña, Severino Álvarez.

Regueira manifestou que a forma de visitar a feira estará perfectamente sinalizada para que as persoas asistentes sigan unha única dirección e non entorpezan o paso. Nas sinaturas, as e os visitantes agardarán a súa vez e atenderase unha quenda por vez, dun máximo de catro persoas: "Queremos que sexa un evento seguro para todas e todos", afirmou Regueira, que destacou a boa coordinación entre as tres administracións públicas.

Borrego destaca a unión do sector para facer posible a 49 Edición da Feira do Libro