Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica leva ao xulgado á alcaldesa por vulnerar dereitos fundamentais da oposición
A demanda non pedirá a anulación do acordo do Pleno para non impedir a sinatura dos convenios xa aprobados. Busca, polo contrario, que a Xustiza se pronuncie sobre o atropelo democrático de Inés Rey
María García: “A discrepancia é lexítima, pero o que non se pode consentir é que a alcaldesa vulnere dereitos consagrados na Constitución con decisións discrecionais e autoritarias”
A Coruña, 4 de marzo de 2021.- A Marea Atlántica acode ao Xulgado do Contencioso-Administrativo para denunciar o gravísimo atropelo democrático cometido por Inés Rey no Pleno Extraordinario do 24 de febreiro, coa decisión de inadmitir as emendas da oposición ao anexo de convenios coas entidades do terceiro sector. O recurso, rexistrado hoxe, invoca o procedemento especial para a protección dos dereitos fundamentais da persoa. A demanda, que se formulará nos próximos días, no momento procesual oportuno, non pedirá a anulación do acordo dese Pleno, polo que non impedirá que se asinen os convenios xa aprobados. A meta non é prexudicar ao asociacionismo, a quen xa castiga o goberno coa súa ineficacia, senón que a Xustiza se pronuncie sobre o abuso de poder perpetrado pola alcaldesa.
Así o anunciou a nosa voceira, María García, esta mesma mañá, sinalando que “a discrepancia e o debate son lexítimos entre distintas forzas políticas, pero o que non se pode facer é romper as regras básicas do xogo democrático e vulnerar dereitos fundamentais que teñen a máxima protección constitucional. E iso foi o que fixo a alcaldesa ao vetar as emendas da oposición de forma ilegal, discrecional e autoritaria”.
Despois de que o goberno local trouxese súa proposta de convenios empregando tres veces o trámite de urxencia, para convocar a Xunta de Goberno Local, a Comisión de Facenda e o propio Pleno, as emendas chegaron a tempo: antes do inicio da deliberación, que é o que marca o Regulamento Orgánico Municipal. “Regulamento que non esixe ningún tipo de viabilidade técnica para admitir as emendas, tal e como se ten demostrado mentres gobernou Xulio Ferreiro e as emendas descadraban ingresos e gastos nos orzamentos, como en 2016”, lembrou García.
A concelleira insistiu en que o que o recurso presentado pola Marea Atlántica non impedirá que se asinen os convenios coas entidades, que xa chegan con atraso pola lenta tramitación do goberno municipal. O noso obxectivo é “defender a calidade democrática no Concello da Coruña e denunciar o atropelo cometido contra representantes públicas”.
Xurisprudencia moi clara
Cómpre lembrar que, despois de tres trámites de urxencia, a alcaldesa anunciou oralmente no Pleno que inadmitía as emendas da oposición, por un suposto descadre orzamentario. Fíxoo sen informe do secretario nin dos servizos económicos e sen permitir que o habilitado se pronunciase no Pleno, nunha forma de actuar caciquil e antidemocrática. Vulnerouse o artigo 23 da Constitución Española, que protexe o dereito da cidadanía a participar nos asuntos públicos, ben directamente ou por medio de representantes. E hai xurisprudencia abondo que o confirma.
As sentenzas 1842/2020 do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, 486/2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria ou a 18/2017 do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana son claras ao respecto en casos idénticos ao que vivimos en febreiro na Coruña.
Na última, o TSX de Valencia é particularmente claro na súa resolución, sinalando que inadmitir as emendas dun concelleiro de Izquierda Unida - Los Verdes foi un “rexeitamento infundado e vulnera o dereito constitucionalmente protexido polo art. 23 nos seus apartados 1 e 2”, o dereito a participar nos asuntos públicos en representación do electorado.
O ditame deixa claro que “non existe disposición ningunha que permita o rexeitamento da emenda por razóns de oportunidade ou viabilidade, tratándose dunha análise de fondo cuxa avaliación non compete ao Alcalde que preside o Pleno, como órgano de admisión, senón ao propio Pleno, como órgano soberano que a efectúa precisamente mediante a votación, votación que lle foi substraída”. É dicir, que a alcaldesa non ten potestade para decidir se unha emenda é adecuada ou non, iso debe facelo o conxunto da Corporación o seu voto, o que Inés Rey impediu ilegalmente.
Deste xeito, para protexer a calidade democrática no Concello da Coruña e impedir que se repita unha cacicada como a que ocorreu o 24 de febreiro, a Marea Atlántica deixa o asunto en mans da Xustiza.