Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica preguntará de novo no Pleno polo recorte de prazas nos Campacoles de verán
O número de prazas reduciuse un 30% desde o ano pasado, sen xustificación, e deixando a un cento de familias en lista de agarda
A Marea Atlántica volverá levar ao Pleno correspondente ao mes de xullo as demandas das ANPAs dos colexios Torre de Hércules, Víctor López Seoane, Zalaeta e Curros Enríquez, que denuncian un recorte do 30% nas prazas dispoñibles no servizo de Campacoles nun escrito que rexistraron hoxe no Concello. Así, este ano só se ofertaron 45 prazas en 7 centros escolares, repartidas en 5 quendas. Pero se rexistraron 189 solicitudes, das que máis de 100 quedan en lista de agarda. A única resposta do goberno local foi un escaso aumento de 15 prazas.
As ANPAs lembran, ademais, que a pesar de que se anuncie unha variada oferta de actividades para a infancia no período de verán, que reducilos é retirarlles ás familias oportunidades de conciliación no período non lectivo. Desde o noso grupo, apoiamos todas súas reivindicacións, xa temos denunciado o caso e reclamado información, e volveremos levalo ante o conxunto da Corporación local.
Sen o servizo de Campacoles, posto en marcha no mandato de Xulio Ferreiro en colaboración coa Federación de ANPAs de centros públicos, a única opción que lles queda ás familias é procurar un campamento privado semellante ou facer equilibrios para conciliar o coidado das crianzas coa vida laboral. O alumnado beneficiario de bolsas comedor ou outras prestacións sociais é especialmente vulnerable a esta situación: as menores beneficiarias de bolsas comedor terían praza gratuita nos Campacoles, ao igual que nas actividades extraescolares durante o curso.
Por todo isto, instamos á Concellería de Educación a ofrecer solucións canto antes. E a ter en conta, como criterio principal, as necesidades de conciliación das familias, priorizando aos fogares onde todas as persoas adultas teñan unha xornada laboral, especialmente ás monoparentais.
Un novo contrato para unha empresa que incumpre
Doutra banda, denunciamos que o contrato para xestionar os campamentos deportivos de verán no Fórum e o Ágora recaese este ano na empresa Serviplus Total SL, a mesma que está a vulnerar os dereitos laborais no servizos de conserxería das instalacións deportivas municipais, como levan tempo a denunciar as traballadoras e traballadores. Desde xaneiro de 2021 non pagan as nóminas completas.
Pese a isto, o goberno local, adxudicou o contrato dos campamentos deportivos, o pasado 8 de xuño, premiando a unha empresa que non respecta o convenio colectivo. Desde a Marea Atlántica denunciamos a situación e instamos ao executivo a iniciar un procedemento de prohibición de contratación con Serviplus mentres siga a incumprir a concesión, empregando os mecanismos legais que correspondan. Os contratos públicos deben ser exemplo de postos de traballo de calidade, non de abusos.