Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica preguntará no Pleno polos plans do goberno municipal para garantir o emprego en Nostián

María García: “O 1 de xaneiro remata a concesion da planta de reciclaxe e a empresa ameaza con despedir ao 40% do cadro de persoal, nunha chantaxe intolerable”

A Marea Atlántica preguntará no Pleno polos plans do goberno municipal para garantir o emprego en Nostián
19_11_22_Concentracion_Nostian
Concentración Nostian
22 de novembro de 2019.- O grupo municipal da Marea Atlántica formulará no vindeiro Pleno, o 5 de decembro, unha pregunta oral para coñecer os plans do goberno socialista á hora de manter o emprego e o servizo na planta de reciclaxe de Nostián a partir do 1 de xaneiro. A nosa voceira, María García, que acompañou hoxe ao cadro de persoal da planta na súa manifestación en María Pita, lembrou que a concesión do tratamento do lixo remata coa entrada en 2020 e a empresa Albada “ameza con despedir ao 40% da plantilla, utilizando os os postos de traballo como reféns dunha chantaxe ao Concello”.

García amosou de novo a súa solidariedade coas reivindicacións dos traballadores e as traballadoras de Nostián, que “son imprescindibles para prestar un servizo tan básico como é o tratamento do lixo que xera a cidade da Coruña e a súa área metropolitana”, e instou ao equipo de Inés Rey a aclarar cales son os seus plans para garantilo fronte a unha empresa “que só pensa en maximizar o seu propio beneficio”.

Existen diversas vías legais para regularizar a situación de Nostián, desde un contrato de emerxencia á intervención temporal da planta, pero esixen “rigor, seriedade e planificación, polo que lle pedimos ao goberno que non improvise cun asunto tan importante”, declarou a nosa voceira.

En todo caso, lembrou que a mellor forma de protexer o emprego é seguir canto antes coa licitación do novo contrato, que quedou practicamente lista no traspaso de poderes e que inclúe cláusulas sociais que blindan o emprego e as condicións laborais, grazas ao proceso de consultas que tivo moi en conta ao persoal de Nostián.

Non pode esquecerse que a actitude de Albada leva tempo sendo problemática, negándose a asumir as súas responsabilidades por contrato. Cobrou facturas "lesivas para os intereses municipais" de 2 millóns de euros anuais desde 2011 ata 2018 por facerse cargo do lixo rexeitado para a reciclaxe, algo que é a súa obriga. E puxo en risco o funcionamento da planta por acumular residuos irregularmente en varias ocasións, a última neste mesmo verán. Ademais de negarse a selar o vertedoiro colmatado en 2007, tal e como lle indica unha sentenza xudicial.

Mentres non se resolve a situación cun novo contrato, volvemos pedirlle á Xunta de Galicia que non abdique da súa responsabilidade como autoridade ambiental e garanta que o servizo de Nostián se preste en condicións legais. Hai máis dun ano que ten pendente sancionar a empresa polo vertedoiro. A que agarda para pechar os expedientes?”.

A Marea Atlántica preguntará no Pleno polos plans do goberno municipal para garantir o emprego en Nostián