Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica presenta alegacións contra o enorme aumento de espazo comercial na estación intermodal
O ADIF só amosou atrasos e falta de compromiso da cidade, pero o goberno municipal prémiao con máis 7.500 metros cadrados máis para usos terciarios
Nun momento moi difícil para o comercio de proximidade, cos locais pechados aumentando cada día, non ten sentido que o Concello fomente a competencia desleal
A Coruña, 17 de xullo de 2021.- O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou alegacións contra o cambio no PXOM da Coruña, impulsado polo goberno local, que aumenta de forma inxustificada a edificabilidade da futura estación intermodal, para permitirlle a ADIF 7.500 metros cadrados máis de usos terciarios. Para a nosa voceira, María García, “nun momento de grave crise no comercio de proximidade, mentres os locais baleiros aumentan cada día, o Concello non pode promover a competencia desleal”.
Como xa advertimos no Pleno do mes de abril, este agasallo ao ADIF non está xustificado no expediente nin responde ao interese xeral da cidade, só ao interese do ADIF. Deste xeito, prémiase pola porta de atrás ao administrador ferroviario polos seus constantes atrasos na tramitación da Intermodal e pola súa falta de compromiso. Como na Maestranza e no Porto, semella que o Estado só busca facer caixa na Coruña.
Cómpre lembrar que a estación xa contaba espazo reseservado para usos comerciais, pero agora súmanselle un mínimo de 7.500 m2 (o equivalente ao 50% da edificabilidade construída) para “usos ferroviarios complementarios” (en realidade terciarios: comerciais, industriais, etc), aos que hai que sumarlle 5.100 metros cadrados de aproveitamento lucrativo. Todos eles para que ADIF, unha entidade pública, obteña un beneficio inxustificado dun solo de titularidade pública.
Un negocio sen contrapartida para A Coruña
Ademais, e como se indica nas nosas alegacións, o Concello non recibe ningún tipo de contraprestación por estes cambios, nin se avalía o impacto do proxecto no comercio dos Mallos, a Sardiñeira e Vioño, barrios que xa suman máis dun cento de locais baleiros, segundo os propios datos do goberno municipal. Fronte a isto, en lugar de promover un centro comercial encuberto na Intermodal, o Concello da Coruña debería estar a poñer en marcha iniciativas coma Mover os Baixos, para fomentar que os locais sen uso recuperen a actividade, xeren emprego e lle devolvan servizos aos barrios. A nosa proposta leva meses sobre a mesa.
En resumo, este incremento dos aproveitamentos terciarios ao gusto do ADIF non está nin xustificado nin argumentado nos informes urbanísticos e van en detrimento dos intereses da cidade. “Nin melloran a intermodal nin se ven compensados por unha execución máis áxil dos compromisos que lle corresponden ao Estado”, como sinalan as nosas alegacións.
A intermodal vaise construír nunha zona da cidade moi denso en poboación, con falta de espazos libres e moi afectado polas sucesivas crises económicas. Para estes barrios, a Intermodal debería supoñer unha mellora na mobilidade e nas condicións urbanas e ambientais, non un foco de competencia desleal ao pequeno comercio.