Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica reúnese co alcalde de Abegondo para trasladarlle a súa vontade de reimpulsar a Área Metropolitana
María García e Iago Martínez intercambiaron impresións con José Antonio Santiso sobre a necesidade de recuperar a folla de ruta iniciada no pasado mandato
A mobilidade, a vivenda, a xestión da auga ou o tratamento de residuos son algúns dos grandes retos que precisan dunha abordaxe metropolitana
A Coruña, 20 de xullo de 2021.- A voceira da Marea Atlántica, María García e o vicevoceiro, Iago Martínez, continuaron hoxe coa rolda de contactos mantida nos últimos días para reimpulsar o proxecto da Área Metropolitana da Coruña, nunha xuntanza co alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso.
“Coa ollada posta nas conversas abertas co goberno local da Coruña e do mesmo xeito que fixemos en Sada, Oleiros, Cambre e Bergondo, vimos a Abegondo a trasladar a nosa aposta decidida por darlle un novo impulso a Área Metropolitana e a escoitar as súas aportacións a este respecto”, concreta María García, que continúa, “É fundamental desbloquear este asunto e avanzar na redacción dun anteproxecto de lei para levar ao Parlamento de Galicia e recuperar a senda cooperativa que se estableceu no pasado mandato coa Mesa de Alcaldes. Así llo trasladamos estes días ao PSOE coruñés".
Hoxe, co rexedor de Abegondo, afondouse moi especialmente na necesidade de regularizar a situación da planta de Nostián e de ter en conta, como acordáramos no pasado mandato, a voz dos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas e que integrarán proximamente a Mancomunidade.
Como xa se ten indicado, a cidade non cabe xa nun só municipio e hai desafíos que precisan dunha visión máis ampla e dunha acción cooperativa entre concellos que atendan a case medio millón de habitantes. A xestión de residuos e, máis concretamente, o futuro da planta de Nostián, resolver as enormes carencias de transporte público e mesmo establecer novas estratexias conxuntas no eido da vivenda, son retos nos que cómpre unha vontade metropolitana.