Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica reclama que o Rally A Coruña corrixa o seu trazado
Abondaría con mudar un dos cinco tramos das que consta o percorrido do rally para protexer unha das áreas con maior biodiversidade da Coruña, na que se atopan tanto as Illas de San Pedro, recoñecidas pola Xunta como Espazo Natural de Interese Local en abril de 2020 (grazas ao traballo realizado no mandato de Xulio Ferreiro), coma o borde litoral á altura do Monte de San Pedro e o parque de Bens, que agora mesmo é a maior zona verde da cidade.
O ruído causado por motores de elevada cilindrada, a iluminación dos faros á hora do solpor, a contaminación dos coches, que comezará desde primeira hora da maña, e a masificación de público poden ter un notable impacto na zona, precisamente en plena época de cría. “O dano pode evitarse cun cambio menor no trazado do rally evitando os espazos naturais, que non están para estas actividades e moito menos nesta época do ano”, sinala García.
A Marea Atlántica pídelle a Inés Rey un maior compromiso do goberno local coa protección do medio ambiente e da biodiversidade. Durante o mandato da Marea Atlántica, impulsáronse dous espazos naturais protexidos —as Illas de San Pedro e a Torre de Hércules— , os proxectos de restauración de ríos ou o Mapa da Biodiversidade, entre outros, que identificou case 3.500 especies na Coruña.
Desgraciadamente, poucos avances vemos nesta liña de traballo, senón máis ben retrocesos coma os que evidencia o paso do Rally por un dos espazos naturais mellor conservados da cidade.
Nas Illas de San Pedro, lembremos, aniñan exemplares de corvo mariño cristado, unha especie en perigo de extinción, entre outras moitas aves, que son particularmente sensibles ao ruído ambiental. Protexer a biodiversidade é unha das obrigas do Concello da Coruña, e o goberno local non debería esquecela nin na planificación de eventos deportivos, nin en ningunha outra das súas tarefas diarias.