Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclámalle á Xunta a inspección urxente de todas a residencias de maiores

Esixímoslle a Feijóo que reaccione despois de coñecerse que o Exército atopou persoas falecidas en varias residencias do territorio español, e que en Galicia se están a espallar os contaxios entre o persoal dos centros de maiores

A Marea Atlántica reclámalle á Xunta a inspección urxente de todas a residencias de maiores
maiores_G88B3975
Maiores. Foto de Mareatlantica.org

A Coruña, 24 de marzo de 2020

A Marea Atlántica reclámalle á Xunta que inicie un proceso de inspección urxente das residencias de maiores en Galicia, tanto públicas como privadas. Logo de coñecerse que o Exército atopou persoas maiores mortas en varios destes centros en territorio español —un crime terrible cuxos responsables terán que pagar— é preciso actúar para garantir a saúde e a seguridade dun colectivo tan vulnerable, no social e no sanitario.

Hoxe publicouse no BOE unha Orde Ministerial que lle dá aos gobernos autonómicos competencias para supervisar os centros de maiores, e Alberto Núñez Feijóo debe exercelas. E se non o fai, pregámoslles aos concellos, como o da Coruña, que actúen de oficio dada a gravidade do asunto. O sector das residencias de maiores está nun 77% en mans privadas en Galicia, e resulta enormemente opaco, e nestes momentos resulta fundamental garantir o benestar das persoas usuarias, por ser un grupo de risco fronte ao coronavirus COVID-19.

As traballadoras dos coidados, unha liña de vida

Tamén lle reclamamos ao presidente Feijóo que lle facilite material de protección ás traballadoras e traballadores das residencias da terceira idade, entre as que se están a detectar varios casos de infeccións, sendo o máis grave en Celanova, con 24 operarias contaxiadas.

Inmediatamente despois do persoal sanitario, a Xunta debe protexer a quen facilita servizos de coidados a maiores e dependentes, non só nas residencias, senón tamén nos Servizos de Axuda no Fogar e outras prestacións básicas. Son as que están a manter unha liña de vida para maiores e depententes durante o confinamento causado pola pandemia de coronavirus. Tal e como recomendou a Secretaría de Estado de Dereitos Sociais, é imprescindible garantir que as prestacións sociais seguen a chegar ás persoas que as precisan, previndo contaxios e situacións de abandono. Como sociedade, temos que estar á altura.

A Marea Atlántica reclámalle á Xunta a inspección urxente de todas a residencias de maiores