Eleccións municipais | Marea Atlántica
A Marea Atlántica solicita ao PSOE “concreción á hora de negociar acordos”
A formación municipalista agarda que o Partido Socialista coruñés mude o paso e leve por fin avances á xuntanza que manterán este mércores. “Non podemos falar de acordos de programa sen prazos nin cifras nin como se farán as cousas”, evidencia o concelleiro Iago Martínez
O concelleiro da Marea Atlántica Iago Martínez reivindicou esta mañá, no marco da tertulia de Onda Cero, o peso da formación municipalista no Pleno do Concello, polo que solicitou ao PSOE da Coruña que “amose maior concreción á hora de negociar acordos”. “A Marea, con 6 representantes na Corporación municipal, segue a ser unha forza decisiva e necesaria para poder sacar adiante políticas que melloren a vida das persoas”, indicou. “É por isto que requirimos do Partido Socialista coruñés que sexa máis específico, máis concreto, á hora de negociar. Non podemos falar só de acordos de programa, tamén debemos conformar o manual de instrucións que nos fale de prazos, cifras e de como imos sacar adiante esas cuestións. É o momento de falar de política”, considerou o edil.
“Creo que hai moitas cousas das que é importante falar xa, por exemplo, que vai pasar co orzamento deste ano xa que a cidade está a traballar cun prorrogado precisamente porque, coa Marea Atlántica no goberno, o resto de grupos da oposición non facilitaron o apoio necesario para poder sacalo adiante”, recordou. “Que vai pasar, por exemplo, cos proxectos que a veciñanza da cidade votou que se levasen a cabo mediante o programa de Orzamentos Participativos? Creo que é importante baixar ao concreto”, engadiu Martínez.
“Existindo vontade real de negociación e cordialidade, debemos ser máis exactos. Espero que as conversas co PSOE cambien de paso, xa que entendo que o desexable cando queremos conformar maiorías de progreso é acompañar de números, prazos e responsabilidades a dimensión programática dos acordos”, explicou Martínez. “Todo isto é un pouco complicado porque aínda non sabemos como pensa artellar o seu goberno o Partido Socialista. É preciso que especifique como quere gobernar e como quere levar a cabo os seus acordos”, esgrimiu.
Segundo as conversas mantidas, está previsto que mañá mércores se produza unha nova reunión entre as persoas escollidas polo comité negociador da Marea Atlántica e as representantes do PSOE coruñés. “Trátase dunha xuntanza necesaria, non podemos esconder certa preocupación pola falta de iniciativa que se desprende do documento remitido no día de onte polo PSOE, un documento base que ten silencios que nos alarman, como os relativos á investigación de responsabilidades polas desfeitas urbanísticas do pasado, á titularidade pública dos terreos do bordo litoral ou a constitución da área metropolitana da Coruña, cuestións das que nada se di”, comentou o concelleiro, rematado o debate radiofónico.
A Marea Atlántica recórdalle ao PSOE que existen outros moitos asuntos de interese para a cidadanía que foron evidenciados pola propia Rede da formación municipalista cando decidiu dar o seu apoio á investidura de Inés Rey que non figuran no documento remitido este luns. Existen asuntos que non poden ser acordados de forma vaga, como todos aqueles que teñen que ver co cumprimento coa Memoria Histórica, co cambio climático, o fomento das políticas participativas ou a gratuidade das escolas infantís municipais de 0 a 3 anos. Descoñecemos se a falta de concreción se debe a un debate interno dentro da formación socialista, pero recordamos que existen temas de cidade que van influír na mellora da vida da veciñanza e que non se poden negociar á lixeira. “En calquera caso, a nosa disposición ao diálogo é toda, como puidemos ver no exemplar proceso de traspaso de poderes que creo que levou a cabo a Marea. Por iso, e tendo en conta o peso que temos, esperamos que a xuntanza fixada para este mércore supoña un maior avance nas conversas”, evidenciou Iago Martínez.
Alcoa
Por outro lado, a Marea Atlántica quere amosar, unha vez máis, o seu completo apoio e solidariedade co cadro de persoal de Alcoa, que este martes iniciou unha protesta nas dependencias da Delegación de goberno para reclamar que o executivo central cumpra coa palabra dada e aprobe un Estatuto para as Industrias Electrointensivas, e informe sobre a posibilidade de venda da factoría coruñesa á compañía Parter. A este respecto, Martínez insistiu esta mañá na necesidade de que o goberno central e, por engádega, o Partido Socialista, cumpra cos compromisos expresados en campaña. “De nada serve enganar aos e ás traballadoras, de nada serven as visitas e os paseos se non se traducen en accións concretas. Tanto Pedro Sánchez, como tamén, ao longo de toda a campaña, Inés Rey, comprometeron unha solución, pero a realidade é que non está clara. Unha cousa é que se poida atopar un comprador, outra cousa é que non teñamos novidades sobre o Estatuto das Electrointensivas e se este terá en conta as recomendacións feitas polo propio cadro de persoa para garantir a competitividade da planta”, recordou.