Eleccións municipais | Marea Atlántica
Xulio Ferreiro: “O 26 de maio toca escoller entre o pasado ou ofuturo”
O alcalde, nun acto que se celebrou na porta de entrada ao porto coruñés, reivindicou que “fronte aos que hoxe inician unha campaña de revancha, estamos as persoas que queremos unha cidade líder que mira ao mar, unha cidade educadora que non vai permitir que se pechen as portas que abrimos estes catro anos”
A Coruña, 9 de maio de 2019.- O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, abriu esta media noite a campaña electoral da Marea Atlántica para as eleccións municipais do 26 de maio. Nun acto aberto á veciñanza na entrada ao porto da cidade (Linares Rivas, 2) o rexedor manifestou que “esta noite ten dúas caras”. “Existe a cara dos e das que hoxe empezan a campaña pedindo revancha. A cara do pasado máis negro que quere volver para cobrarnos a factura do noso atrevemento. Tamén está a nosa cara, que é a da xustiza social, a da memoria, a da innovación, a creatividade e o desexo do cambio”, dixo o rexedor nun acto no que se deu a coñecer o cartel electoral, cuxo lema é Na Coruña, Xulio Ferreiro.
“Os que apostan pola revancha son aqueles que perderon hai catro anos. Os que perderon as eleccións e os que perderon o poder porque os seus representantes perderon as eleccións. Son aqueles que non querían que cambiase nada porque estaban moi ben como estaban. Aqueles que odian profundamente a revolución das mulleres, porque as mulleres e a súa revolución o van cambiar todo”, advertiu Xulio. “Son os que teñen un modelo de negocio e temen –e fan ben– o noso modelo de cidade. Son os da Gürtel, os do Conde de Fenosa, os que levan catro anos mallando en nós”, explicou.
“Estas persoas, hoxe, teñen medo. Medo a que lles gañemos outra vez. A que esta cidade decida seguir adiante. Teñen medo á vosa intelixencia, a que oito anos de cambio sexan irreversibles. Teñen moito medo ao que podedes facer co voso voto o vindeiro 26 de maio”, comentou.
“Por contra, na Marea Atlántica non nos move o desprezo nin o odio. Non nos move a cobiza, senón o futuro. Móvennos os barrios, as mulleres, os nenos e as nenas, os dereitos, a vivenda, o medio ambiente, a mobilidade sostible, a participación, o aire que queremos respirar. Móvenos a paixón por construír á Coruña do porvir, de convertela nun faro para Galicia. Somos xente de palabra, a que parou a barbarie o 28 de abril, a que, agora, queremos decidir o futuro da nosa cidade”, contrapuxo o alcalde. “Somos os que queremos unha cidade líder que mira ao mar. Unha cidade educadora. Viñemos para a abrir as portas e non imos permitir que nolas pechen”, resolveu. “Viñemos para abrir portas e aínda non acabamos. No próximo mandato, a partir do 26 de maio, coa forza dunha nova vitoria, abriremos tamén as portas do noso porto, porque xa é hora de que nos deixen volver ao mar, de que nos deixen contar co borde litoral enteiro, e non coas migallas, para imaxinar outro horizonte”, subliñou.
“Entre estas dúas caras temos que escoller. Iso é unha campaña electoral. Por isto pelexaron os nosos maiores e as nosas maiores, e por isto pagaron coa súa vida miles de persoas que defenderon antes ca nós o que nós defendemos agora. Esta noite comezamos a escribir unha historia con dous finais posibles. Entre o pasado ou o futuro, escollemos xustiza social, escollemos o planeta e escollemos democracia”, rematou.
Xornada do venres
Coa campaña xa iniciada, este venres, 10 de maio, o alcalde participará, a partir das 12.00 do mediodía nun reparto de programas electorais da Marea Atlántica que arrincará na Mariña e que percorrerá Monte Alto. Ás 13.00 horas está prevista, ademais, unha visita ao mercado de Monte Alto, así como a distintos comercios de proximidade, tanto deste barrio como do Orzán. Xa de tarde, contra ás 20.30 horas, terá lugar o primeiro mítin de campaña no barrio de Palavea, na praza Padre Bustos (o acto poderá mudar ao centro cívico no caso de que o tempo non acompañe).